Palas de Rei apúntase á mestizaxe

Los integrantes del campo de trabajo en la representación de su musical (Foto: AEP)
photo_camera Los integrantes del campo de trabajo en la representación de su musical (Foto: AEP)

No campo de traballo Viva Galicia, que se desenvolve en Palas de Rei, participan 17 mozos de numerosas nacionalidades. Os integrantes realizan diversas actividades de dinamización social, así como unha obra de teatro en galego con interpretación musical e bailes típicos de Galicia.

«O proxecto Viva Galicia é un reto moi grande e ó mesmo tempo moi gratificante, porque hai xente de tódalas partes do mundo que comparten experiencias». Así define o campo de traballo, Xosé Garza, director das actividades. Os compoñentes do campamento Viva Galicia asentáronse na  área dos Chacotes de Palas de Rei o pasado dous de agosto. Desde esa data, 17  mozas de numerosas nacionalidades — coreanos, franceses, italianos e brasileiros, entre outros—  conviven no campamento e aprenden a falar galego, ao mesmo tempo que desenvolven varias actividades de dinamización social. Con todo, a principal peculiaridade deste proxecto reside en que é un dos poucos deste tipo que se desenvolven en España, e soamente hai outros exemplos nas provincias de Asturias, Madrid e Andalucía. Ademais «é o único, no que os compoñentes ademais de realizar as actividades tamén representan un musical», afirma o director.

Musical

O musical, denominado Viva Galicia, en honra ao campo, foi creado e é interpretado en galego polos voluntarios. A obra está ambientada nos anos 70 e 80 e desenvólvese no escenario social da transición democrática. Pretende tamén profundar na temática do éxodo de moitos galegos ás cidades en busca dunha mellor calidade de vida, tendo como fondo de debate o estatuto de autonomía. Neste caso, a protagonista é María, unha rapariga de pobo que decide irse a estudar a Santiago de Compostela.

Os actores son os propios compoñentes do campo, a maioría principiantes, aínda que algúns xa teñen experiencia na arte dramática e outros saben tocar instrumentos musicais. Este é o caso de Verónica Cela, unha moza de 28 anos procedente de Seoane do Courel que leva desde os dez anos tocando a gaita. Ademais ten estudos completos no conservatorio, no que se especializou en guitarra española. Cela está moi entusiasmada coa representación da obra e considera que «o campo é unha boa actividade para coñecer xente e vivir unha experiencia distinta».

Os voluntarios, ademais, realizan actividades de todo tipo en varios concellos galegos. «Decidimos dinamizar poboacións de pequeno calado, por iso percorremos pobos e non grandes cidades», asegura Garza. Os proxectos concrétanse noutras dúas actuacións: a interacción coas persoas maiores e unha campaña de concienciación social para que os peregrinos non tiren o lixo no Camiño .

Nos centros de maiores, os voluntarios realizan un traballo de dinamización a través dun obradoiro no que preparan materiais e os primeiros pasos de varias manualidades que os maiores completan e que se enviarán a unha escola de Perú. Asi mesmo, os mozos representan pequenas partes do seu musical nas residencias e divírtense bailando e cantando cos maiores. Deste xeito, os integrantes do campo visitaron varios centros de Lugo, Guitiriz, Sarria, Vilalba, Antas de Ulla e Palas de Rei.

Outro dos programas que se desenvolven o campamento é o denominado ‘Somos Lixo'. Un proxecto de concienciación ambiental no que os voluntarios pretenden animar aos peregrinos a que non tiren os seus desperdicios no Camiño de Santiago. Para este fin, os mozos acoden a varios tramos da Ruta Xacobea e reparten bolsas reutilizables aos camiñantes para que depositen os seus desperdicios. Nelas debuxan unha formiga, a mascota que deseñaron, acompañada con frases de concienciación talles como «cuída o medio ambiente».

Os voluntarios tamén gozan, nos seus intres libres, de distintas actividades complementarias talles como tiro con arco, sendeirismo, rutas en bicicleta, rutas en canoa e visitas a diversas cidades galegas e a festivais.

Distintas experiencias

Os voluntarios están moi entusiasmados coa súa participación no campo e cada un valora a experiencia de forma distinta. «Quero recomendarlle este tipo de campamentos a todo o mundo, pois a experiencia é moi reconfortante», asegura Tae Kwan, un coreano de 23 anos gran amante da música que sabe tocar varios instrumentos musicais. «O que máis me entusiasma son as representacións da obra», afirma Kwan. Outra integrante, Nerea Sáenz, que reside en Logroño, asegura que «a experiencia que máis me emocionou foi visitar as residencias de maiores». Esta logroñesa, que xa estivo hai uns anos noutro campamento en Galicia, afirma que «esta experiencia é única».

Comentarios