Campos: "Non é certo que o PSdeG de Lugo estea dirixido desde a Deputación"

Responde así ao alcalde de Castroverde, que sostén que se presenta ás primarias socialistas enfrontándose ao "aparello do partido"

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, asegurou que "non é certo" que o PSdeG lucense estea a ser dirixido desde a Deputación, como afirmou un dos candidatos ás primarias, o alcalde de Castroverde, José María Arias, e dixo que o seu único interese é que se desenvolva un proceso "limpo" e que sirva para "buscar a unidade dos socialistas na provincia".

O presidente da Deputación recordou que apoia a candidatura de Álvaro Santos, pero tamén dixo que "gañe quen gañe" vai contar co seu apoio

"A xente entende as cousas como quere. Non é un tema de aparello. Trátase de buscar a unidade de todos os socialistas da provincia e de facer un congreso limpo, de modo que o secretario xeral sexao para todos e apoiémolo todos", dixo Campos.

O presidente da Deputación recordou que apoia a candidatura de Álvaro Santos, pero tamén dixo que "gañe quen gañe" vai contar co seu apoio.

"Vou estar aí, detrás de quen gañe, porque temos que ir todos na mesma dirección, para conseguir un partido forte e un partido unido, que é o que nos demanda a sociedade", engadiu.

Campos asegurou que "non é certo" que o PSdeG de Lugo estea dirixido desde a Deputación.

"Son ideas deles. Eu non inflúo practicamente en nada, pero si podo dicir a quen apoio, como poden dicilo outros", insistiu.
Desde o seu punto de vista, a afirmación do alcalde de Castroverde, quen asegurou que se enfrontará nestas primarias ao "aparello de partido" nesta provincia, "non ten nada de verdade".

"Son unhas primarias limpas. Cada un pode explicar o seu modelo de partido e por iso é polo que salga o mellor. Despois, todos detrás desa persoa", resolveu.

Comentarios