"Creo que a eutanasia non debería ser ilegal. Eu non decidín nada, pero non a descarto"

Paco Cabarcos
photo_camera Paco Cabarcos

Paco Cabarcos é un licenciado en Historia da arte que traballaba no tratamento de ferro para construción na época na que o sector parecía imparable. Deportista, non era estraño que percorrese 40 quilómetros en bicicleta unha tarde calquera logo dunha xornada laboral cortando pezas de quilos e quilos. "Facíao sen despeitearme. Bueno... despeiteándome un pouco", matiza.

Agora conta, co falar lento, que a súa nai viviu case 30 anos cunha enfermidade, a ataxia, que cando lle foi diagnosticada recibía o apelido de hereditaria. Morreu nunha cadeira de rodas, sen poder comer por si mesma ou falar, pero Paco e a súa hernama Carmen están convencidos de que aínda os recoñecía, que respondía os afectos.

En 2006, ambos se fixeron o test que dirimiría se eran portadores da mutación do xene da ataxia. Aínda que é unha proba que agora se fai aos familiares do paciente cando se diagnostica, non estaba dispoñible cando se lle puxo nome ao que padecía a súa nai. Botando a vista atrás, Paco arrepíntese desa decisión. "Fixen mal en facerma. Entón non tiña síntomas evidentes e ao saber que a herdou empecei a ver cousas que atribuía   enfermidade", explica.

"Son afortunado, teño ataxia de tipo II, que é a menos grave. Outros están en cadeira de rodas desde os vinte anos"


A súa irmá, igualmente portadora do xene ten menos afectación e non está enferma. Paco, con todo, leva xa uns oito anos xubilado por mor desa patoloxía neurodegenerativa que produce a deterioración e morte das células do cerebelo, as que controlan a coordinación muscular e o equilibrio. 

"O que máis me custa agora é camiñar. Teño un scooter de mobilidade. O peor son as caídas, que me afectan moito. Tiven dúas e son un retroceso", explica, á vez que insiste, como fará outras veces ao longo da entrevista, en que é un privilexiado. "Teño ataxia de tipo II, que é a menos grave. Outros están en cadeira de rodas desde os 20 anos", di.

Hai moitas cousas que xa non pode facer en por si: nin a comida, nin as cousas da casa. É a súa irmá, coa que vive, a que asume esas tarefas polos dous. Por suposto, hai moitas cousas das que segue gozando: un café ou unha cana no seu bar de sempre ou os documentais de historia.. 

A estas alturas, considera a vida "unha loita" na que non hai nada seguro. Cita a Heráclito e a súa todo flúe e di que non ten claro como levará o que ha de chegar, da mesma forma que ninguén o ten ata que chega. Enfróntase ás cousas segundo van sucedendo. "Non podo pensar no futuro. No futuro pensarei no futuro, se é que podo pensar entón", sinala.

Con todo, aínda que nun terreo puramente persoal todas as decisións estean por tomar, si está rotundamente seguro de que todo o mundo ten dereito a tomar decisións sobre o final da súa vida. "O sufrimento non forma parte da vida. Ese sufrimento, non. Creo que a eutanasia está plenamente xustificada. Non debería estar penalizada. Non decidín nada, pero non a descarto e creo que todos os que queren acceder a ela deberían poder facelo. Evita enfrontarse a aumentar un sufrimento propio e alleo", di.

Ao seu xuízo, o feito de que en España se abra o debate sobre a eutanasia e o suicidio médicamente asistido cada certo tempo e nunca avance máis aló de determinado punto débese ao "forte poder da Igrexa". Reitera o seu "máximo respecto a quen pense diferente", pero cre que a relixión non pode ir contra o home.

Cre que a sociedade ten carencias evidentes respecto diso. "Deberíase desdramatizar a morte. Velo como algo normal, como o que é", reclama. Non é a única que ve. Tamén pide consideración cara aos enfermos, que non se lles aplique unha desconfianza inmediata no trato, que se exerza a empatía. Recorda da súa nai, que xamais bebeu unha pinga, como tantos descoñecidos a trataban de borracha, polo falar pausado e camiñar errático que deixa a ataxia nos primeiros estadíos.

A súa irmá asente. Cando fala de como se ten que intentar vivir sen sufrir, dille que está totalmente de acordo con el. "Moitas das persoas que están en contra de que se despenalice a eutanasia, quizais se tivesen a alguén enfermo cerca, cambiaríalles o chip. Quizais se fosen capaces de empatizar e de porse no lugar do enfermo verían as cousas doutro xeito", sinala Carmen.

Comentarios