Pachi Vázquez: ''A 'Gürtel' nace en Galicia con Pablo Crespo''

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, declarou hoxe que "a trama Gürtel nace en Galicia con Pablo Crespo", ex secretario de Organización do PP galego e a quen o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "nomeou no consello de administración de Portos de Galicia, con Carlos Negreira", actual alcalde da Coruña.

Tras o acto do PSdeG polo Día Internacional das Mulleres en Ourense, Vázquez asegurou que logo deses nomeamentos "adxudicáronse obras a empresas vinculadas co caso Gürtel". Ademais, mantivo que "Feijóo mente cando di que non coñecía a Pablo Crespo". Por todo isto, considera que "o Partido Popular debe unha explicación a todos os galegos" respecto diso de todas estas cuestións.

Seguindo cos procesos que xudicializan a política, Vázquez respondeu tamén sobre as imputacións de compañeiros do seu partido e o seu deber ou non de dimitir. A este respecto, apuntou que "cando se lle pon medidas cautelares a membros do noso partido, dimiten" e puxo como exemplo ao anterior alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, imputado na operación Pokemon que persegue desmantelar unha presunta trama de corrupción a través de adxudicacións de contratos de concellos a empresas.

Con todo, puntualiza: "co resto de imputacións nós somos respectuosos coa xustiza pero ao mesmo tempo respectuosos coa presunción de inocencia daqueles que teñen argumentos".

Concluíu apuntando a necesidade de que se establezan máis "políticas de transparencia" para garantir o seu bo funcionamento.

Comentarios