Pachi Vázquez considera ''imposible'' que Feijóo descoñecese os sobresoldos

O secretario xeral do PSdeG-PSOE Pachi Vázquez, afirmou hoxe en Ourense que é "imposible" que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, non soubese nada do presunto pago de sobresoldos por parte de Luis Bárcenas, cando era tesoureiro e xerente, a parte dos membros da cúpula do PP.

"Cada vez que escoito a Mariano Rajoy, a Feijóo e a Cospedal dicindo que non sabían nada do que estaba a pasar en Xénova, dígolles que é imposible que non soubesen nada"
, declarou Vázquez en conferencia de prensa ao finalizar unha reunión de traballo coa executiva provincial ourensá.

A preguntas dos xornalistas, insistiu en que todos os que estaban sentados no consello de dirección tiñan que saber estes feitos. De maneira que, engadiu, "cando din que non saben nada estanse rindo de todos os españois", apostilou.

Segundo o líder socialista, o presidente autonómico "mente" aos galegos, dado que tiña que coñecer esas irregularidades, do mesmo xeito que "todos os que estaban sentados no consello de dirección" do PP.

Por outra banda, o secretario do PSdeG fixo alusión aos últimos casos de presunta corrupción nas filas do PP, e criticou que o Partido Popular "non cumpre o que di".

"O PP manexa moi ben dicir unha cousa e facer a contraria"
, dixo Vázquez, en alusión ao caso Bárcenas, ao proceso de investigación aberto ao ex presidente do PP de Ourense e da Deputación José Luis Baltar sobre presunta prevaricación na contratación de persoal, ou a imputación do alcalde de Santiago, Ángel Currás, na Operación Pokemon, que persegue unha suposta trama de corrupción.

Estes feitos son "incompatibles co código ético" que pregoa o PP nos seus congresos
, sinalou Vázquez, quen asegurou que podería facer unha lista de persoas que están afectadas por ese código ético no PP".

No caso de Ourense, manifestou que me atrevería a dicir que non hai nin un só Concello, dos 92, no que non estean implicados cargos do PP que cobraron soldos como traballadores da deputación", do mesmo xeito que "non hai ningún cidadán que non saiba que Baltar ten unha trama familiar con políticos do PP".

Preguntado pola intención do presidente provincial do PP de Ourense e da Deputación, Manuel Baltar, de tomar "medidas legais" contra quen "atenten" contra a integridade da institución, Vázquez non dubidou en enviar un recado aos populares e dixo que a partir de agora o seu partido "só falará deses temas nos xulgados".

O secretario xeral do PSdeG mostrouse sorprendido polas declaracións de Feijóo nas que asegura que non hai "pillos" no seu partido. A este respecto, Vázquez respondeu que o PP "ten pillos a ferrados ". "Se quere facémoslle unha lista de todos os que viven con diñeiro público", que sexan "familiares" de cargos do PP.

No que respecta á situación do concello de Santiago, Vázquez mostrouse "perplexo" por esta "serie de capítulos" que ocorreron na capital galega e dixo que o seu partido está disposto a resolver "os problemas" do concello, "dando unha lección de responsabilidade e compromiso".

Comentarios