Oubiña non cre que Luis Enrique ''vaia marchar''

Borja Oubiña augurou hoxe unha "longa" e "boa" carreira como adestrador a Luis Enrique, o seu actual técnico no Celta de Vigo e o posible substituto do portugués Andre Villas-Boas á fronte do Tottenham da Premier League, segundo o diario Daily Mail.

"Creo que o míster vai ter unha carreira longa e boa como adestrador porque ten un grupo de traballo moi bo e as cousas moi claras, pero a día de hoxe non creo que vaia marchar", indicou o capitán do Celta cando se lle cuestionou sobre a información publicada no tabloide inglés.

O Daily Mail abre a súa sección de deportes cunha información sobre os posibles recambios que o principal accionista do Tottenham, Joe Lewis, e o presidente, Daniel Levy, están a contemplar para substituír a Villas-Boas tras caer goleado ante o Machester City (6-0).

Entre eses nomes figura, ademais dos de Michael Laudrup e Redknap, o de Luis Enrique, quen o pasado verán xa soou con forza como recambio de Perico Vilanova no FC Barcelona, cargo que finalmente ocupou o arxentino "Tata" Martino.

No entanto, os números de Luis Enrique á fronte do Celta de momento non están a ser positivos, pois o conxunto galego atópase na zona baixa da clasificación, con tan só 12 puntos, logo de non gañar ningún partido no seu estadio.

"Os resultados sempre crean desconfianza na xente que non está dentro, que non coñece o traballo diario, pero ao final no mundo do fútbol todos falamos e sabemos quen vai chegar lonxe e quen non", apuntou Oubiña.

Comentarios