Os trens turísticos de Renfe inclúen 16 viaxes pola Ribeira Sacra

A iniciativa arrincou no ano 2014 e contempla dous percorridos por esta comarca e a de Valdeorras, que cada verán se enchen
Uno de los trenes turísticos a su llegada a Canabal
photo_camera Uno de los trenes turísticos a su llegada a Canabal

O sábado arrincará a primeira viaxe da tempada nun dos dous trens turísticos de Renfe que percorrerán a Ribeira Sacra este verán. Ata o 28 de outubro haberá un total de 16 saídas por dous traxectos distintos. Oito deles teñen partida en Ourense e destino en Monforte e os outros oito arrincan de Ourense en dirección á Rúa pero pasan tamén pola Ribeira Sacra.

O obxectivo da Xunta de Galicia e da compañía ferroviaria é consolidar o éxito que estas rutas cultivan desde 2014, ano da súa posta en marcha. Desde o primeiro momento a ocupación destas alternativas foi do cento por cento, por encima da media das outras nove rutas que se pon en marcha en Galicia.

A ruta que discorre integramente pola Ribeira Sacra parte da cidade das Burgas e fai paradas nos Peares, Santo Estevo de Ribas de Sil, Canabal e Monforte de Lemos. O percorrido ferroviario combínase cun paseo no tren motorizado Aba Sacra, unha visita á adega Regina Viarum e outra ao Centro do Viño de Monforte, con entrada ao seu complexo museístico.

Os dous traxectos parten de Ourense. Un con destino a Monforte e o outro cara a A Rúa. Inclúen paradas en adegas e mosteiros



Pola tarde, inclúe unha viaxe en catamarán polo río Sil. De regreso, o tren fai unha parada no parador de Santo Estevo, onde un monxe preparará unha queimada, e outra na aula dedicada ao ferrocarril que existe na estación dos Peares.

Hai saídas organizadas para o sábado e o 24 deste mes, os días 9 e 22 de xullo, 6 e 19 de agosto e 2 e 26 de setembro.

COMBINADO. O segundo dos percorridos parte tamén da terminal ourensá pero toma dirección a A Rúa. Combina visitas á denominación de orixe Ribeira Sacra e á de Valdeorras.

O traxecto inclúe, como o anterior, unha parada no mosteiro de Santo Estevo e unha visita á adega de Valdeorras A Coroa. Pola tarde prevé un percorrido polo santuario das Ermitas do Bolo, no val do río Bibei. O percorrido remata cunha parada no museo ferroviario dos Peares.

Os interesados nesta ruta poden elixir entre as viaxes que se farán o 17 deste mes. Os días 1,15 e 29 de xullo. As xornadas do 12 e o 26 de agosto e o 9 e o 23 de setembro.

O billete de adultos ten un prezo de 40 euros e o de nenos de tres a trece anos, de 20 euros. Para grupos de dez ou máis adultos hai descontos do 15%.

A información pódese ampliar na páxina web de Renfe ou nas propias estacións de ferrocarril.


Comentarios