Os tesouros ocultos do mosteiro de Samos

Unha selección de valiosas obras da mostra ‘'O monacato nas orixes do Camiño’' exponse por primeira vez na abadía
Una muestra de la alfarería típica de Samos forma parte de la exposición
photo_camera Una muestra de la alfarería típica de Samos forma parte de la exposición

O mosteiro de Samos conta desde o pasado mes de decembro cun atractivo engadido ao seu xa de seu interese patrimonial e histórico. Trátase da exposición ‘Silencio. O monacato nas orixes do Camiño de Santiago’, formada por unha selección de tesouros da abadía, que se achegan por primeira vez ao público. 

Organizada polo propio cenobio e a Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño (Apecsa), co patrocinio do Xacobeo, a mostra recibe ao visitante cunha das pezas de maior interese, un fragmento do antigo retablo de Santa Catalina de Alexandría, de finais do século XVI, da autoría de Francisco de Moure. 

O mestre escultor, que durante varios anos instalouse en Samos co seu taller para a elaboración de cinco retablos, asina outras dúas obras presentes nestas salas e consistentes en sendas tallas de Santa Basilisa e San Andrés. 

Os comisarios da exposición, Luís Celeiro e José Manuel Salgado, incluíron tamén unha serie de imaxes sometidas durante medio ano a un proceso de restauración cunha das bolsas da fundación Otilia Milleiros. 

Entre elas atópanse -ademais dos traballos de De Moure-, unha talla de San Martín de Dumio do século XV, de madeira policromada e autor anónimo, ou un San Benito de José Ferreiro do século XVIII, xunto cun cadro de San Agustín datado no XIX.

BIBLIOTECA. A abadía posúe unha gran biblioteca, algúns de cuxos exemplares tampouco podían faltar na mostra. Segundo explica o prior, José Luís Vélez, entre as xoias figuran dúas dos 15 incunables que garda o cenobio, referentes á regra de San Benito. 

Tamén se exhiben varias pezas que pertenceron á antiga igrexa románica. é o caso dun ajedrezado elaborado con mármore similar ao da igrexa de Hospital do Incio ou o dun sarcófago do século XIII, con dúas bases zoomorfas que deixan constancia da orixe nobre da persoa que alí repousaba, cuxa identidade segue sendo hoxe en día unha incógnita. 

A exposición consta tamén de material fotográfico e audiovisual, ademais de completarse con varios exemplos de olería típica de Samos e unha recompilación de obxectos procedentes da botica do cenobio benedictino. 

‘Silencio. O monacato nas orixes do Camiño’ tivo unha gran acollida por parte do público. Desde a súa inauguración, o pasado 3 de decembro, recibe unha media de 25 visitas diarias, calcula o prior. Segundo concreta, a maior parte dos visitantes son turistas que se atopan de percorrido pola comarca, procedentes de toda Galicia e doutras comunidades como Castela-León, Madrid ou Cataluña, xunto con peregrinos que percorren estes días o Camiño Francés. 

A exposición, de entrada gratuíta, permanecerá aberta ata outubro. Os fins de semana pódese visitar accedendo directamente ao museo pola porta de Carros e o resto dos días, preguntando en portería. A partir de Semana Santa, estará atendida de forma continua por un membro da comunidade benedictina.

Comentarios