Os sindicatos de bombeiros lamentan a "irresponsabilidade" das administracións no incendio

A Mesa Intersindical de Bombeiros Galicia considera que os problemas de coordinación na extinción do incendio de Fandicosta pon de relevo a "irresponsabilidade" das administracións públicas en materia de urxencias.

Nun comunicado conxunto, as centrais sindicais acusan á Xunta e ás deputacións de ter o servizo de urxencias fraccionado entre diferentes empresas privadas, sen regulación homoxénea nin un mando único, e sen coordinación entre dispositivos.

Mentres, o 112 está "privatizado e precarizado", engade a Mesa Intersindical, que acusa deste "despropósito" organizativo ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Na repartición de culpas tamén aluden os sindicatos ás deputacións provinciais polas súas "responsabilidades históricas" na implantación do actual modelo de urxencias. Reclaman os sindicatos que desde as deputacións se impulse a recuperación do servizo mediante xestión directa fronte ao actual modelo, que se revelou "ineficaz e deficiente" e que "malgasta recursos" para derivalos ao "beneficio empresarial".

Critican que o presidente da Xunta "descargue responsabilidades" dicindo que pedirá explicacións ao 112 sobre o dispositivo organizado no incendio de Fandicosta.

A Mesa Intersindical de Galicia sostén que este tipo de sinistros deben ser atendidos "con celeridade, coordinación e suficiencia" e, con todo, "moitas veces" recórrese ao "voluntarismo e o sacrificio" dos profesionais.

Insisten na necesidade dun estatuto profesional dos bombeiros e en que os operativos de urxencias conten cun mando único que garanta unha coordinación "estable".

Comentarios