Os proxectos do viveiro de empresas de Industria estarán listos en febreiro

Hai 19 propostas, vinculadas cos sectores agrario, comercial, servizos, turismo ou terceira idade, que buscan investidores
Presentación del plan diseñado por Industria para favorecer a emprendedores
photo_camera Presentación del plan diseñado por Industria para favorecer a emprendedores

Os 19 emprendedores que desde o pasado mes de setembro fórmanse e traballan no Espazo Coworking ou viveiro de empresas, creado pola Consellería de Industria e Emprego na antiga sede do centro comarcal Expolemos, terán perfilados os seus proxectos empresariais para o mes de febreiro e accederán a diferentes actividades que lles axudarán á procura de financiamento.

Os futuros empresarios que reciben a formación son todos menores de 40 anos, a maioría da comarca de Lemos aínda que hai algúns do Courel e Valdeorras e o 75% deles xa están no mundo laboral vinculados a outras actividades ou traballando por conta allea. O 25% restante atópase en situación de desemprego. Ademais, os proxectos que queren pór en marcha están vinculados á comarca ou poderían crear emprego nela.


Os emprendedores mostraron a súa satisfacción co apoio que reciben


AS INICIATIVAS. Afonso Martínez, coordinador de Espazo Coworking, explicou que se traballa en 19 iniciativas. Catro delas son proxectos do sector agrario, tres vinculados ás novas tecnoloxías, media ducia encádranse no sector do comercio e os servizos, un orientado á terceira idade, outro de restauración e catro vinculados ao mundo do turismo ou afíns.

Desde o mes de setembro, os emprendedores acoden case diariamente ao centro Expolemos para avanzar no desenvolvemento dos seus produtos ou ideas e adquirir coñecementos relacionados coa xestión empresarial e a mercadotecnia que lles permitan lanzalas.

Aínda que a programación é bastante flexible, o habitual é que os luns, mércores e xoves se organicen reunións indivivualizadas ou encontros de grupos reducidos con mentores especialistas en diferentes áreas.

Eses mentores son profesionais da empresa privada e algúns do ámbito da docencia que poden axudar aos emprendedores na súa área de traballo ou nas necesidades concretas dos seus proxectos.

Os martes desenvólvense talleres para todos os emprendedores relacionados coa xestión empresarial e os venres de cada dúas semanas teñen a oportunidade de participar en clases impartidas por especialistas en e-mercadotecnia e internet.

Comentarios