sábado. 21.05.2022 |
El tiempo
sábado. 21.05.2022
El tiempo

Os límites de uso complican a venda da Cámara de Comercio

Antigua sede de la Cámara
Antigua sede de la Cámara
O edificio foise deteriorando tras case catro anos pechado

Os límites de uso do edificio, onde a ordenanza urbanística non permite, por exemplo, facer vivendas, poden complicar a venda da antiga sede da Cámara de Comercio, a cuxa compra renunciou definitivamente a Deputación. O futuro da Cámara de Comercio é neste momento alleo xa ao que ocorra co edificio, pero a venda do inmoble é clave para que os traballadores poidan cobrar indemnizacións polas que, en bastantes casos, esperan desde hai catro anos.

Por iso, agora a postura dos antigos empregados será decisiva nos próximos pasos que dea o xulgado, aínda que a poxa é xa case a única alternativa. A incógnita é se algunha empresa estará interesada en comprar un inmoble ao que practicamente só se poden dar usos administrativos e que, ademais, está xa bastante deteriorado, tras case catro anos pechado.

O presidente da Cámara, Xabier Díaz, apuntaba este martes que se crea unha situación complexa, que afecta principalmente aos exempregados e apuntaba que desde hai meses era xa previsible que a Deputación non podería asumir a compra do inmoble. Nese sentido, lamentou que un patrimonio que era público acabe perdendo esa consideración.

Respecto dos empregados, Alberte Rodríguez Feixoo, avogado que representa a algún deles, indicou este martes que "había esperanza depositada nesa oferta da Deputación, pero algúns eramos escépticos. A min non me sorprende e agora complicar un pouco a situación porque esa venda agora non se vai producir e supoñemos que haberá que ir a unha poxa que nós xa propoñiamos desde o principio porque queriamos que se resolvese canto antes sen agardar a ningunha oferta específica. Ao final, desgraciadamente, o prognóstico cumpriuse e supoñemos que volvemos á casa de saída, á poxa pública con tutela xudicial".

Sobre o resultado da poxa, recoñeceu que "é totalmente incerto". "A opción da Deputación era máis valiosa, tiña unha perspectiva económica maior e, evidentemente en poxa pública o valor vai baixar moito", indicou o avogado.

A situación dos traballadores non é igual en todos os casos. "Algúns xa percibiron algunha cantidade do Fondo de Garantía Salarial e outros non percibiron ningunha", destacou Feixoo.

En tanto, Ciudadanos cuestionou este martes a idea da Deputación de levar ao antigo hospital de Santa María dependencias do organismo provincial. A formación insistiu na súa aposta por situar alí o museo da romanización. Rexeitou que se axilice a licenza á Deputación mentres se fai esperar aos veciños por permisos de obras.

Os límites de uso complican a venda da Cámara de Comercio
comentarios