Os letrados de Varela e Cobián aducen que os seus clientes non querían delinquir

Os letrados que representaron no xuízo pola operación Campeón ao ex deputado do Partido Popular, Pablo Cobián, e ao que fora director xeral do Igape, Joaquín Varela, insistiron este xoves nas conclusións da vista oral, a pesar de que os seus clientes xa alcanzaran un acordo de conformidade coa Fiscalía, en que ningún deles tiña intención de delinquir cos seus actos.

Ulises Bértolo, que representou neste proceso a Pablo Cobián, recordou que, a pesar da acusación inicial do ministerio fiscal, quedou demostrado que por parte do seu cliente non houbo ningún delito "de fraude en subvencións", nin tampouco de "suborno", porque non se apreciou no seu comportamento "indicio de contraprestación económica".

Aínda que o ministerio fiscal expuxo nas súas conclusións que Cobián era o intermediario dos cerebros da fraude para chegar a Joaquín Varela, Bértolo precisou que o seu cliente "só fixo xestións políticas", que nalgún momento "puideron ser excesivas".

De feito, aínda que existía un contrato de patrocinio das empresas de Dorribo ao seu fillo para que participase en competicións deportivas, insistiu en que "era previo e legal" aos feitos xulgados.

Pola súa banda, o letrado Antonio Platas, que levou a defensa de Joaquín Varela, afirmou que este xuízo pecha "un longo camiño", logo dunha operación "espectacular" e "excesiva", con "moitos erros" por parte de Vixilancia Aduaneira "por descoñecemento da normativa".

Durante a súa alegación, insistiu en que non houbo parte de Varela "ningún favor especial" cara aos demais investigados na trama e, de feito, volveu dicir que "non coñecía as irregularidades" supostamente perpetradas para facerse cunha axuda millonaria do Igape e un crédito subvencionado.
Insistiu en que "non pediu ningunha alteración de valores", senón que impuxo as "maiores esixencias" e intentou que os trámites se fixesen ben".

Segundo o seu avogado, a función do director do Igape "é a promoción económica" e, neste caso, "creuse nun proxecto e apostouse por el".
"Aceptamos esa extralimitación, ese exceso, pero queremos expresalo na súa xusta medida", precisou.

O ex director xeral Joaquín Varela e o que fora subdirector de Información Especializada do Igape, Carlos Silva, liquidaron a súa responsabilidade penal por senllos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios cunha multa económica -de 2.160 euros cada un- e a suspensión de emprego e soldo durante un ano.

O ex deputado do Partido Popular Pablo Cobián aceptou unha pena de oito meses de prisión e unha multa de 45.135 euros, ademais dun período de inhabilitación de dous anos e tres meses para cargo público, por un delito de tráfico de influencias.

Comentarios