Os hostaleiros farán xornadas para dinamizar o sector en Vilalba

Serán citas mensuais e a primeira, do 15 ao 24 deste mes, centrarase no viño mencía

Os hostaleiros de Vilalba uníronse para pór en marcha a partir deste mes de maio unha serie de xornadas centradas en distintas bebidas co obxectivo de dinamizar o sector na capital chairega. As primeiras, que arrincarán o próximo día 15 e prolongaranse ata o 24, estarán centradas no viño mencía.

A iniciativa xorde dentro das actividades previstas pola asociación de empresarios Sete Pontes para este ano, nas que os socios que forman parte do sector da hostalería, un total de 33, decidiron darlle un impulso a leste.

As primeiras xornadas contan coa participación de 26 locais: Lar Os Píos, Sunday, Luar, Revolta, Montero, A Casa das Xaquinas, Lembranzas, Porrás, Oasis, Casa Maragata, Xalundes, Rovi, A Lareira, Stama, A Pravia, A Nova Ruta, A Carballeira, Estudante, Casablanca, Mesón de Bruno, O Porrón, A Taberna, Novo Siglo XX, Cristal, La Casa del Lobo e Pafe.

En todos eles, servirase o viño da adega Casa Moreiras, ao que se asociará unha tapa especial para degustar este caldo. Ambas as cousas terán un prezo de dous euros.

As seguintes xornadas centraranse no viño branco e celebraranse do 13 ao 21 de xuño. En xullo, entre os días 10 e 19, serán as xornadas dedicadas á cervexa, mentres que para outubro están previstas as dos viños Rioxa.

En novembro celebrarase a segunda edición do Concurso de Tapas, Maridaxe e Cata de Viño e en decembro, do 11 ao 20, celebraranse as xornadas dedicadas ao capón de Vilalba.

A asociación de empresarios tamén ten previsto promover iniciativas para o sector do comercio, como a segunda feira multisectorial -que se fará en agosto- e unha campaña especial en Nadal.

Comentarios