Os festivais de música afiánzanse en Sarria con cinco citas fixas cada ano

A próxima será o San Martiño Caníbal de Louseiro, o día 14 de novembro, cos Desviaos e Maskarpone, entre outros
Actuación musical en una edición anterior del festival San Martiño Caníbal de Louseiro
photo_camera Actuación musical en una edición anterior del festival San Martiño Caníbal de Louseiro

Os festivais de música lograron asentarse na comarca de Sarria grazas a cinco citas fixas que se consolidaron nos últimos anos. Ao festival Terra Brava do Incio -o máis veterano de todos- súmase o Garitosis da Rúa da Música de Sarria, a Esmorga Popular, o Interxeracións da Unión e o San Martiño Caníbal, evento este último que terá lugar o próximo 14 de novembro na parroquia de Louseiro.

A todos eles únense, ademais, o Esmorga Fest e o Espantada Rock de Corvelle, dous festivais que se celebraron este ano por primeira vez e que polo menos no segundo caso nace coa aspiración de prolongarse no tempo.

O pasado agosto, o Terra Brava do Incio chegou xa á súa décimo terceira edición, cun cartel do que formaron parte grupos como Habelas Hainas, Korrontzi, Liviao de Marrao e Nave, entre outros.

En Sarria, o nacemento da asociación Rúa da Música permitiu ás bandas dispor dun lugar de ensaio, ademais de programar eventos que se foron asentando, como o festival Garitosis, que no mes de setembro cumpriu cinco anos de vida reunindo a sete formacións de Galicia e Segovia de variados estilos.

Rúa da Música participa tamén, xunto con Peleriños, na organización da Esmorga Popular, que nas súas dúas últimas edicións trasladouse aos xardíns da sociedade A Unión, coa participación de varios grupos locais e a celebración de foliadas de música tradicional galega.

A histórica sociedade sarriá programa, así mesmo, cada verán desde hai varios anos o seu propio festival, denominado Interxeracións, no que adoitan participar grupos que versionan clásicos.

O calendario péchase en Sarria co quinto San Martiño Caníbal da parroquia de Louseiro, organizado pola asociación cultural Os Gorriós. Está previsto para o 14 de novembro, coas actuacións xa confirmadas dos Desviaos e Maskarpone, que gravará o seu primeiro disco en directo.

A celebración destes eventos musicais, na súa maioría de entrada libre, é posible grazas ao traballo de asociacións e colectivos culturais. En moitos casos complétanse con outro tipo de actividades como mostras de artesanía ou actos para os máis pequenos. A gastronomía tampouco adoita faltar nestas citas. No caso do San Martiño Caníbal celébrase unha comida multitudinaria na cal o pasado ano servíronse uns 170 quilos de carne de porco.

O festival con maior traxectoria na comarca é o Terra Brava do Incio, que este ano chegou á súa décimo terceira edición

Comentarios