Os Fanagueiros celebrarán unha homenaxe ao seu ex presidente Saavedra

A asociación cultural e de veciños Os Fanagueiros da parroquia de Eirexalba (O Incio) celebrará mañá unha festa na que homenaxeará ao que foi presidente do colectivo, Francisco Rodríguez Saavedra, falecido recentemente.

Durante o acto de homenaxe o gaiteiro e artesán de palletas do Incio, Rubén González López, interpretará unhas pezas en recordo de Francisco Rodríguez.

O colectivo organiza este tributo coincidindo coa celebración do tradicional magosto no campo da festa. Os actos arrincarán ás 14.00 horas cunha comida de confraternidade, que será servida por un restaurante e á que poderán asistir todas as persoas que o desexen.

Tras a comida, haberá unha degustación gratuíta de queimada e castaña. Ás 17.00 horas terá lugar un espectáculo dedicado aos nenos e que correrá a cargo do mago Carlos. A festa finalizará coa actuación do dúo Eclipse.

Coincidindo coa celebración do magosto o colectivo entregaba anualmente os premios do certame literario en lingua galega no que participan colexios de toda a comarca, aínda que este ano atrasarase.

Segundo sinalaron desde a directiva dos Fanagueiros, o prazo de entrega dos traballos ampliouse porque algúns dos centros educativos que participaban non o fan este ano polas reformas dos horarios escolares que deron lugar a protestas do profesorado de toda a comunidade galega.

Nesta edición poderán concursar os colexios ou os nenos individualmente. Os pequenos que desexen entregar os seus traballos poden facelo ata o 15 de novembro. O veredicto do xurado coñecerase o día 30 e posteriormente farase entrega dos galardóns.

Comentarios