Os custos do banco malo

HAI DOUS ANOS que se constituíu o coñecido como ‘banco malo’ ou Sareb (Sociedade de xestión de Activos procedentes da Reeestructuración Bancaria) co encargo de xestionar e vender os bens ligados ao negocio da construción das Caixas de Aforro e bancos que recibiron axudas públicas e que eran considerados como ‘activos tóxicos’ por estar constituídos con créditos impagados con empresas construtoras e promotores inmobiliarios. Un 45% do capital da Sareb é do Estado e o resto pertence a sete bancos españois e dous estranxeiros e catro empresas aseguradoras.

A Sareb comprou activos tóxicos ás entidades financeiras indicadas por un importe moi elevado que xa supera os 60.000 millóns de euros, a pesar de facelo cun desconto medio do 40%. A Sareb financiou estas compras sobre todo (nun 90%) coa emisión de débeda avalada polo Estado. Deste modo as entidades financeiras que recibiron axudas públicas, entre as que estaba Novacaixagalicia, puideron sanear as súas contas cos bonos recibidos pola venda destes bens e poderían así aumentar a concesión de créditos.

A Sareb vende estes bens formando paquetes dun número elevado de vivendas que poden adquirir os fondos de investimento e tamén a particulares mediante a intermediación das propias entidades financeiras. En teoría a Sareb podería realizar estas vendas nun prazo máximo de quince anos e obter beneficios ao ir recuperándose o mercado. Na práctica a xestión da Sareb está a ser cuestionada por fallos e descoordinación nalgunhas das operacións realizadas, como na venda a un fondo de investimento de vivendas que xa estaban comprometidas con particulares, e tamén polo elevado importe das comisións pagadas nas vendas a particulares. Ademais tamén se cuestiona polo elevado nivel dos salarios pagados cunha media de 105 mil euros para os 125 empregados que tivo o ano pasado.

Cando se calcule o custo total do saneamento do sector financeiro non haberá que incluír só as axudas públicas e o fondo de rescate concedido a España senón tamén os que se poden derivar pola Sareb que polo momento arrastra perdas, problemas de xestión e salarios elevados para os seus empregados. Dese modo veremos se chega a ser verdade que o plan de saneamento do sector financeiro non custou nada aos españois, tal como ten afirmado o ministro de Economía, Luis de Guindos.

Comentarios