Os criadores de capón deciden que a feira este ano sexa o 21 de decembro

O Concello mantivo unha reunión cos produtores para decidir a data. Un total de 19 votaron a favor de achegala a Noiteboa, doce fixérono polo domingo 17 e dez en branco
Asistentes a la reunión celebrada ayer en la biblioteca
photo_camera Asistentes a la reunión celebrada ayer en la biblioteca

A Asociación de Criadores de Capón de Vilalba acordou este venres, nunha reunión convocada polo Concello, atrasar este ano a celebración da tradicional feira ao 21 de decembro, xoves, fronte ao último domingo antes da Noiteboa, o día 17, tal e como viña facendo nos últimos anos.

A distancia dunha semana entre a suposta celebración en domingo co 24 de decembro, data para a que se vende practicamente a totalidade deste afamado produto vilalbés, foi o que motivou que moitos dos criadores dedicieran que era mellor aproximar a feira á Noiteboa e retomar o día 21 -día fixo desta cita hai anos, igual que anteriormente o foi o 19- para a súa realización.

A reunión celebrouse onte no salón de actos a biblioteca municipal coa presenza dunha trintena de produtores e viño a ser a continuación doutra que se realizou hai unha semana para abordar este mesmo tema. Entre ambas, os criadores emitiron o seu voto, de forma que 19 situáronse a favor de atrasar a feira ata o día 21, mentres que doce apostaron por facela o domingo 17 e dez votaron en branco.

Previamente, a concelleira de feiras e mercados, Cheri Grandío, e o xerente da asociación, Gonzalo Hermida, expuxeron algúns proles e contras de ambas as datas.

O goberno local considera esta decisión "volver atrás sobre o que estaba feito", a cal seguiu xerando debate tras a votación


"Facela en fin de semana ten a favor que tedes o sábado para matar e o domingo, un día festivo para a feira; que hai máis posibilidades de que poidan vir os compradores e, en xeral, máis xente, o que é bo para Vilalba. Se hai público, pode haber compradores, se non, non", explicoulles Hermida aos presentes.

Ter persoal municipal dispoñible, máis facilidades no transporte ao ser laborable e ofrecer un produto máis fresco ao cliente foron os argumentos a favor de achegar a feira do capón ao día de Noiteboa.

Precisamente o momento de realizar o sacrificio dos animais foi o que centrou o debate, xa que algúns criadores argumentaban que sendo a feira o 17 os capóns levarían moitos días mortos ata o 24.

Unha vez votado, Cheri Grandío valorou a decisión tomada como "un atraso total respecto de todo o que estaba feito". "Estabamos canalizados, déronnos a IXP e andamos un camiño para agora pegar a volta", lamentouse.

A edil engadiu que "a feira é un escaparate" no que os compradores poden establecer un contacto cos vendedores para facer encargos para a semana posterior e sentenciou ademais que o Concello asumía a decisión tomada pola asociación de criadores, a cal aínda xerou debate tras finalizar a reunión.

RECOÑECEMENTO. O encontro empezou informando aos asistentes de que esta semana se produciu a aprobación definitiva da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Capón de Vilalba por parte da Unión Europea.

"Seguramente entrará en vigor para o próximo ano, polo que xa informarase dos trámites que haberá que facer. Para este ano non ten efectos, salvo pola publicidade e o recoñecemento que supón", comentou Gonzalo Hermida.

Comentarios