Os alcaldes de Friol e Palas reclaman unha LU-231 adaptada para camións

Piden á Xunta que cambie o proxecto que ten para arranxar a vía, que lle dea máis ancho e que elimine curvas
Los alcaldes de Palas y Friol flanquean a un técnico de la Xunta
photo_camera Los alcaldes de Palas y Friol flanquean a un técnico de la Xunta

Os alcaldes de Friol e Palas de Rei, José Ángel Santos e Pablo Taboada, revisaron o xoves o proxecto que manexa a Xunta para arranxar a LU-231, estrada que une os seus municipios, e solicitaron algunhas melloras para garantir a seguridade dos condutores e facilitar o transporte de vehículos pesados, como poden ser a ampliación do ancho previsto e a eliminación dalgunhas curvas. Os rexedores, ambos do Partido Popular, reuníronse nas dependencias da Xunta co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e co xefe de área de Planificación, Carlos Lefler, para coñecer en detalle o proxecto que manexan para mellorar a vía.

Segundo explicaron os alcaldes tras o encontro, a Xunta contempla "ensanchar e mellorar o trazado ao longo dos 18 quilómetros desta vía". Para iso, está previsto eliminar algunhas curvas que se consideran perigosas para o tráfico e mellorar a capa de rodaxe.

Os alcaldes consideran que esta actuación prevista pola Administración autonómica é moi necesaria porque a estrada está moi deteriorada e soporta moito tráfico. No entanto, entenden que o proxecto podería mellorarse e propuxeron unha serie de medidas. Entre elas, "ampliar o ancho da plataforma inicialmente previsto" e eliminar "algunha curva existente, que no proxecto aínda non está contemplada".

TRÁFICO PESADO. Tanto Pablo Taboada como José Ángel Santos recalcaron a necesidade de que o novo trazado da estrada se adapte ao transporte de vehículos pesados e garanta a seguridade dos viaxeiros, de aí a importancia de ensanchar a estrada e suavizar as curvas. Apuntan que esta vía "é fundamental para o transporte de diferentes tipos de mercancías, especialmente materias primas para o sector gandeiro".

Consideran que unhas boas condicións para a circulación de camións abaratarían custos aos transportistas, ao reducir tempo e quilómetros nos seus percorridos. Segundo os cálculos de Taboada e Santos, esta rebaixa podería derivar nun abaratamento final das materias que levan e repercutir nos petos dos gandeiros aos que fornecen, "algo moi importante dado que o sector primario é un dos máis importantes nos concellos da zona".

Os técnicos da Xunta recolleron as propostas dos alcaldes e comprometéronse a estudalas. Todos quedaron emprazados para unha próxima reunión. Os rexedores agradeceron "o compromiso da consellería e tamén a aptitude dos técnicos, que en todo momento mostráronse dispostos a estudar todas as posibilidades".

Comentarios