Orozco reclama ''o mesmo trato'' para todos os políticos acusados por Dorribo

O alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, reclamou hoxe "o mesmo trato, que menos" para todos os políticos acusados polo empresario Jorge Dorribo de participar no armazón que está a ser investigado no marco da Operación Campión pola titular do xulgado de instrución número 3, Estela San José Asensio.

O alcalde afirmou que "a lista será interminable, pero hai persoas moi concretas das que falou e dixo cousas. Se creo na miña inocencia, creo na dos demais, pero cando menos que sexan chamados (a declarar)", en referencia ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a ex conselleira de Sanidade Pilar Farjas e o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández. Orozco asegurou descoñecer o motivo da súa imputación e remitiuse a que "este señor dixo que falara comigo para unhas licenzas no Ceao (polígono industrial de Lugo, imaxíno que será por iso. Se é por iso, estou sumamente tranquilo porque nunca xamais, nin con el nin con persoa interposta, falei sobre estes temas".

Neste sentido, explicou, ademais, que "unha licenza non se escribe nunha servilleta dun hotel, é un acto regulado que consta de informes de funcionarios e que logo concede a xunta de goberno local, e pasan ademais polo ollo observador do secretario". Así mesmo, agradeceu os apoios recibidos por parte do partido e da cidadanía e insistiu en que "desde que son alcalde nunca se deu unha licenza que tivese un informe negativo dalgún funcionario, nunca".

A respecto dos patrocinios dos eventos Arde Lucus e Lugo 10, xustificou que a de Dorribo "non foi a única empresa que pagou patrocinios, ademais, o Xacobeo ten patrocinios, a volta ciclista ten patrocinios. Todo evento cultural importante sempre busca patrocinios". "Un en Lugo xa non se sorprende, porque o que se trata é de manchar e salpicar a todo o mundo co fin de que o auténtico autor dos actos permaneza o máis escondido posible", resolveu López Orozco.

Comentarios