Oportunismo e outros males

ÁS VECES unha querería seguir nas nubes. Vánseme os ollos, polo meu inconfesado vouyerismo de lecturas alleas, a unha revista que ten entre as mans a miña compañeira de asento nun voo de volta á casa. Trátase dunha popular revista do corazón. Entre vacacións e outras frivolidades do famoseo dáme na vista unha reportaxe sobre unha das familias superviventes do accidente de Angrois. Na placidez do seu fogar intúo que están a relatar os angustiosos momentos do sinistro. Logo duns días nos que a distancia lograra impor unha saudábel desconexión, rememoro a catástrofe ferroviaria e a dúbida invádeme. Non sei se o tratamento da traxedia desde a perspectiva da prensa do corazón me produce tanto desacougo ou máis que a abordaxe que naquelas xornadas negras levaron a cabo unha boa parte das televisións e xornais.

Había apenas unhas horas que lera por enriba unha noticia tamén desconcertante. O titular informaba de que mil pilotos de Ryanair desexarían que se levase a cabo unha investigación acerca da seguridade dos seus voos, e da repercusión nela das súas políticas de emprego. Tan grande é o descrédito da información nos nosos días, que unha xa non sabe se estamos diante dunha alarma real ou dunha campaña de desprestixio que, en calquera caso, engade un plus de perigosidade á extensa nómina de prevencións contra a compañía, derivadas unhas veces de aterraxes forzadas polo esgotamento do combustible ou pola presenza surrealista de chinches na aeronave, e case sempre das súas intransixecias e abusos.

Cando isto escribo teño aínda na cabeza outra nova relacionada coa mencionada compañía e cunha coñecida axencia de viaxes on line. Nela dáse conta da denuncia feita por algúns familiares das vítimas do incremento repentino do prezo dos billetes a Santiago nas horas que seguiron ao accidente de Angrois. Os demandantes sospeitan dun aproveitamento por parte das empresas dos repentinos desprazamentos ocasionados pola traxedia, ou o que é o mesmo, dunha utilización oportunista desta para o lucro. De se confirmar, estariamos diante dunha manobra repugnante na que o capitalismo mostra o seu rostro máis inhumano e, desgraciadamente, tamén máis real.

Lendo tales cousas unha querería seguir durmindo a trinta e pico mil pés de altura e espertar nun lugar de lingua allea e grafía críptica. En momentos coma ese, querería illarse dun mundo que en ocasións se revela insaciábel e cruel, e que é quen de facernos as chiscadelas máis obscenas e inagardadas desde as páxinas dunha revista do corazón, nun voo de regreso logo dunha viaxe de lecer. É talvez esa a fuxida que tentamos unha e outra vez percorrendo itinerarios diversos, dentro e fóra de nós, coa certeza de que no regreso estarán a agardarnos tamén, sen seren chamados, os males do mundo.

Comentarios