Opinións de autobús

VIAXANDO en bus urbano, aínda que sexa de forma esporádica, pódese aprender moito. Polo menos escoitas comentarios e opinións expresadas por persoas que non forman parte do cotián, do meio onde traballo, acugulado de docentes.

No meu caso, e desa forma ocasional, cando viaxo en transporte colectivo, trato de aproveitar todo o que se di en beneficio dun suposto inventario de opinións variadas.

Unha vez ouvín como unha señora lle dicía a outra: mira que tenda china, creo que venden moito e todo o que teñen venche do Xapón…: pareceume unha sabia ubicación para a orixe das camisetas de fibra artificial e algodóns reciclados varios que se exhibían.

Mais o que hoxe comento ten máis a ver coa política galega e a súa expresión propagandística.

A escena desenvólvese nun autobús que comunica os campus norte e sur da cidade de Santiago.

Os intervinientes -deducín-, estudantes de Economía e de Xornalismo. Tiñan bon humor, e, como é normal nesa etapa da vida, un degrau de inhibición moi pequeno: opinións e voces expresábanse sen nengún tipo de reservas.

Esta é, máis ou menos textual, a transcrición da conversa:

-«Din que foi o presidente galego de viaxe a México, será de ocio ou de negocio? -«É de negocio, porque de ocio ten perfectamente fixado os circuítos e México non entraba» -«De negocio? Público ou privado?» -«É público, que dixeron que era oficial». -«Moi ben, oficial, quererás dicer institucional porque oficial tiña que ter axenda recoñecida e con programa adxunto». -«Si, oh! Axenda… ti pensas que existen os Reis Magos… el vai de viaxe e xa sabe que neste país vale con traer unha foto e dicer que se fixo». -«Tas ti equivocado, que as fotos non son máis que fotos, non significan nada, quedou dito e fixado» . -«As fotos non teñen trascendencia política nen xurídica. Tamén está dito». -«Pero, boeno, logo que foi facer na viaxe de negocios?». -«Conseguir -disca- contratos para as empresas galegas de construción naval». -«Ah, boeno! Logo ía en serio, para servir de intermediario a favor da industria naval galega. Menos mal que volve, porque cando foi a vez anterior non lle valeu de moito». -«Como te atreves a decir iso!! Trouxo un memorandum de intencións coa vontade de lle decir as empresas que, se queren, poden pensar en empresas galegas para facer propostas de contrato». -«Ti estás mareado (ben, utilizaron outro termo, pero queda peor por escrito) se fose para facer negocios tería que ir acompañado de alguén con capacidade e coñecementos para negociar coas empresas mexicanas. Se xa hai intencións nunha memoria, o paso seguinte é conseguir un precontrato con todas as garantías que nas relacións mercantís internacionais teñen este negocios. Cal é o bufete intenacional que está ao cargo?». -«Ti bebeches, xa che dixen que de momento é un segundo contacto, con fotos, ti pensas que o goberno galego ten fondos para contratar abogados dun bufete para facer o traballo da Sepi ou das empresas de Vigo? Non sabes o que dis, meu amiguiño».

Comentarios