Operarios trasladados por Urbaser desde outros puntos de España retiran o lixo das rúas de Lugo escoltados pola Policía. A intención da empresa é retirar hoxe 200 toneladas de desperdicios acumulados na cidade, unha aspiración ambiciosa se se ten en conta que a recollida habitual dun día do fin de semana rolda as 80.
Os traballadores foron identificados por inspectores de Traballo, como xa sucedeu na anterior ocasión que a firma recorreu a persoal doutros lugares o que lle valeu unha contundente sanción. A firma aduce que o obxectivo é cumprir o ultimatum do Concello, que esixiu a limpeza de toda a cidade antes do luns se quería manter a concesión.