A Once deixa na Ulloa un soldo de 2.000 euros ao mes durante dez anos

O axente que despachou o premio empezou a traballar na venda do cupón hai apenas dous meses

O sorteo do cupón da Once celebrado o pasado domingo deixou na comarca da Ulloa un premio consistente nun soldo mensual de 2.000 euros, que o afortunado posuidor do boleto cobrará durante un período de dez anos. O axente que vendeu este cupón, Arturo Fernández Teijido, tamén repartiu en diferentes puntos da comarca outros premios menores de 400 e 200 euros, aínda que o luns aínda descoñecía o importe exacto de todos os premios repartidos.

Fernández Teijido destacou o luns que empezou a traballar na venda do Cupón fai algo menos de dous meses, polo que recoñecía empezar "con moi bo pé". Este axente dixo descoñecer a que persoa puido venderlle o cupón agraciado co soldo mensual, pero se mostrou convencido de que podería ser alguén "de Palas ou Monterroso, porque os meus clientes adoitan ser fixos e xente da zona", aínda que tamén vende en Taboada e Antas de Ulla.

O cupón do fin de semana ten como premio principal 300.000 euros. O soldo de 2.000 euros corresponde a un dos cupóns dos números e series premiados entre a segunda e quinta extracción.

Comentarios