Oito concellos da Ribeira Sacra logran que Fenosa lles devolva diñeiro pola enerxía reactiva

A compañía cobroulles indebidamente ese concepto durante cinco anos nos recibos de iluminacións e edificios públicos. As contías máis altas son as recibidas por Monforte e O Saviñao, que en ambos os casos superan os 130.000 euros
Subestación de Fenosa
photo_camera Subestación de Fenosa

Hai un tempo a compañía Gas Natural Fernosa foi condenada por un xulgado ourensán a pagarlle ao Concello de Coles un total de 51.455,85 euros cobrados de máis entre finais do 2008 e primeiros do 2013 polo concepto de enerxía reactiva. A partir dese momento os municipios de toda Galicia puxéronse a revisar as súas facturas referentes ás iluminacións e os edificios públicos. Os doce concellos da Ribeira Sacra interpuxeron reclamacións contra a eléctrica e oito deles conseguiron que lles aprobasen o reintegro dese diñeiro, algúns xa recibiron o ingreso.

Os concellos de Carballedo, O Courel, Ribas de Sil, O Saviñao, Monforte, A Pobra do Brollón e Sober teñen a tramitación resolta e algúns xa recibiron o diñeiro. Os de Chantada, Taboada e Pantón aínda non teñen resolución e Quiroga está nunha situación intermedia. Xa ingresou 5.000 euros por cobros indebidos en 2012, o que lle converte no oitavo concello que recuperou fondos. Por mor desa primeira resolución interpuxo novas reclamacións a través de Instituto Galego de Consumo que están pendentes de resposta.


As CUANTÍAS. En todos os casos reclámase diñeiro facturado de máis correspondente a cinco anos. Os pagos máis avultados na Ribeira Sacra son os de Monforte e O Saviñao. No caso do municipio monfortino, despois de que se preparasen varios recursos, Gas Natural Fenosa aceptou que lle cobrou ao Concello de xeito indebido un total de 138.922 euros. Desa cantidade ingresoulle 27.922 euros anteriormente e onte o equipo de goberno recibiu unha comunicación de que estaba previsto o ingreso doutros 111.000 euros de xeito inminente divididos en dúas partidas.

O Saviñao é o outro concello que máis diñeiro recuperou do concepto de enerxía reactiva. Nese caso, a encargada de facer os trámites foi a edil Beatriz Rois, apoiada polo departamento de tesourería.

Rois explicou que o concello saviñádigo interpuxo a primeira reclamación hai tres anos por mor das resolucións favorables noutros municipios. Nese momento lograron que Gas Natural Fenosa non seguise facturándolles diñeiro de máis en concepto de enerxía reactiva, pero seguiron cos trámites para recuperar o diñeiro facturado entre 2009 e 2013. Rois explica que a tramitación foi lenta e complicada porque houbo que revisar unha a unha as facturas dos últimos cinco anos das iluminacións de cada unha das parroquias dun municipio eminentemente rural. Con todo, os trámites deron os seus froitos e a semana pasada a compañía ingresoulles 131.049 euros de atrasos. 


OS PEQUENOS. Os municipios pequenos tamén están afectados por esta problemática. Por exemplo, A Pobra do Brollón presentou as pertinentes alegacións e gas Natural xa lle devolveu o debido de xeito graduado. O último ingreso efectuouse hai un ano, aínda que o alcalde, José Luís Maceda Vilariño, non detallou a cantidade total percibida.

En Carballedo a situación é similar, ingresouse unha parte e está aprobado pero pendente un segundo ingreso, aínda que o seu rexedor, Xullo Yebra tampouco deu as cifras.

Se o fixeron os de Ribas de Sil e Sober. No caso de Sober foi o persoal municipal o que fixo todas as tramitacións. Nos últimos anos reclamáronselle a Gas Natural Fenosa un total de 84.000 euros polo concepto de enerxía reactiva indebidamente cobrada nas facturas deste municipio. Hai tres anos chegoulles a primeira devolución de 19.000 euros, teñen aprobado o reintegro do resto do diñeiro e están pendentes de que se efectúe o ingreso estes días.

No municipio de Ribas de Sil a solicitude interposta ante Gas Natural Fenosa ascendeu a 24.000 euros. A compañía recoñeceu cobrar de xeito indebido un total de 18.000 euros e o Concello conformouse coa contía porque «vos 24.000 euros que calculamos inicialmente eran estimativos», explicaron fontes municipais. Agora teñen aberta unha nova vía de reclamación porque «a compañía acepta que nos cobrou 18.000 euros que non lle correspondían, pero alega que xa vos devolveu noutras facturas. Nós esixímoslle que ou demostre documentalmente», di o tenente de alcalde, Roberto Castro.

Tamén está dentro dos municipios que lograron recuperar o seu diñeiro o do Courel. A alcaldesa Lola Castro argumentou que nos últimos anos tiveron que interpor varias reclamacións, pero finalmente lograron que a compañía aceptase devolverlles o cobrado de máis en varias facturas. O montante ascende a un total de 15.000 euros

Comentarios