domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

Obxectivo: protexer o Pedregal de Irimia

Participantes nunha ruta promovida por Adega polo contorno do Pedregal
Participantes nunha ruta promovida por Adega polo contorno do Pedregal
Encontros culturais, xornadas de lecer, sendeirismo... son moitas e variadas as propostas que dan conta da singularidade e do valor simbólico, xeolóxico ou paisaxístico que ten o Pedregal de Irimia, un lugar que é un referente non só para os meiregos e cuxa falta de protección preocupa aos veciños e a varias administracións

Unha plantación de eucaliptos ao pé das pedras do emblemático Pedregal de Irimia serviu para chamar a atención sobre a falta de protección deste espazo natural. Foi o punto de partida dunha campaña de concienciación encabezada por Adega e dunha recollida de sinaturas aínda en marcha, que se rexistrarán na Xunta para conseguir que o berce do Miño sexa declarado Monumento Natural.

«Foron os veciños alarmados os que nos chamaron, non nos dabamos conta de que estaba en perigo», lembra Adela Figueroa, de Adega. Foi entón cando se tomou conciencia de que «non había nada que o protexese, só a tradición oral». Logo de estudar a situación, optouse por unha figura «que lle podía caer ben, equivale a un BIC e é a máxima protección que pode ter sen ser unha construción humana», precisa Adela.

Adela Figueroa: «Queremos traballar en rede para que sexa a demanda popular a que o faga posible, a xente non sabe que non ten protección»

«Queremos traballar en rede para que sexa a demanda popular a que o faga posible, a xente non sabe que non ten protección», engade, salientando os problemas que supón a «plantación masiva» de eucaliptos, e xa non só para o Pedregal: «A ‘eucaliptalización’ do territorio é o maior problema ecolóxico que ten Galicia». Incide ademais en que a Confederación Hidrográfica Miño Sil debería tomar medidas antes de que «os eucaliptos coman o Pedregal», xa que na normativa recolle que en 100 metros aos lados do cauce non debería haber plantacións.

Figueroa foi unha das relatoras na xornada que Adega promoveu hai uns días en Lugo no marco desta campaña de concienciación popular. A organización correu a cargo de Anxo Manuel Lamelo, que incide tamén en que «un enclave tan importante non está protexido como valor patrimonial».

A convocatoria contou coa presenza de varios expertos que deron conta da relevancia do lugar. É o caso do profesor da USC Francisco Javier López, enxeñeiro agrónomo e licenciado en Xeografía. «O Pedregal de Irimia é un deses lugares da nosa xeografía que debería ser considerado como emblemático, pola súa beleza e polo seu significado, e que debería contar con algunha figura de protección que o preservara nas mellores condicións», precisa, detallando algunhas das súas características. Sitúase na Serra de Meira, a case 700 metros de altitude e pode considerarse como o nacemento do río Miño, «o noso río máis importante e que rega na súa conca boa parte do noso país».

«Trátase dun pedregal de orixe cuestionada, pois algúns falan de morrena glaciar e outros do froito da rachadura das rochas por acción do xeo (xelifracción) e do arrastre fluvial posterior, pero que hoxe recolle por baixo as primeiras augas de varias fontes da serra que levará o Miño ata a súa desembocadura, 350 quilómetros máis lonxe», precisa o profesor.

Francisco Javier López: "Cos seus case 700 metros e a súa forma de funil, este conxunto de pedras redondeadas de tamaño similar remata nun pequeno regato que baixa cara a Meira"

«Cos seus case 700 metros e a súa forma de funil, este conxunto de pedras redondeadas de tamaño similar remata nun pequeno regato que baixa cara a Meira, alcanzando xa nesta poboación un caudal de certa importancia, previamente á súa converxencia coas augas emanadas en Fonmiñá», conclúe Francisco Javier, dando conta das características dun espazo que tamén está moi presente na tradición oral.

Desta forte simboloxía dá conta o escritor e investigador da mitoloxía popular Antonio Reigosa, asegurando que «hai poucos espazos que reflictan tan ben o conflito» entre o cristianismo e o paganismo. E para evidencialo pon como exemplo dúas lendas sobre a súa creación. Nunha delas, unha deusa provoca que se encha de pedras, lapidando ao seu home, que queda debaixo destas e do seu sangue nace a auga do río. Na outra, é o demo quen interven, querendo derrubar un cenobio con pedras, pero a intervención de San Bernardo de Claraval fixo que collese medo e deixase caer as pedras.

«A clave non é a lenda en si, senón o seu significado simbólico, a lectura dos conflitos culturais e relixiosos», explica Reigosa, que aproveita para reivindicar a importancia do Pedregal como epicentro cultural, destacando a súa relevancia paisaxística e xeolóxica. «Sempre foi un referente, é un santuario, senón relixioso, cultural», indica, e lembra desde o nacemento da Romaxe de Crentes Galegos no Pedregal en 1978, co popular ‘Eu renazo galego’ de Chao Rego, ata os encontros de Afirmación e Dignidade que promove Xermolos.

Antonio Reigosa: "Sempre foi un referente, é un santuario, senón relixioso, cultura"

Paralelamente á presión de Adega, o Concello de Meira tamén deu os primeiros pasos para protexer o Pedregal. Aprobouse en pleno, por unanimidade, unha proposta para que sexa declarado Espazo Natural de Interese Local.

A iniciativa xurdía do BNG, que esta semana tamén presentou no Hórreo unha pregunta parlamentaria oral sobre o tema, encamiñada a «suscitar reflexión e acordo», tal e como apuntou o deputado Xosé Luis Rivas Cruz, ‘Mini’. «Hai que consensuar unha figura de protección que evite que se ince de eucaliptos», di, aclarando que en ningún caso «se vai en contra dos propietarios dos eucaliptos» senón que o que se prevé é «protexer a paisaxe», por ser «un berce natural que é para estudar, para velo e para estar orgullosos».

A esta campaña de sensibilización tamén se unía a Deputación de Lugo, que anunciaba unha xornada sobre a proliferación de eucalipto na reserva da biosfera Terras do Miño. Ademais, o órgano de participación desta aprobou reclamarlle á Xunta a protección do ecosistema Pedregal de Irimia.

Obxectivo: protexer o Pedregal de Irimia
comentarios