As obras do centro cultural Alcántara de Mondoñedo comezarán este xoves

A alcaldesa Elena Candia explicou que a recuperación e posta en valor deste inmoble tamén servirá para darlle "un impulso" ao centro de interpretación

O goberno local de Mondoñedo anunciou que este xoves comezarán as obras no centro cultural Alcántara, o edificio no que se situará o futuro Centro de Interpretación do Camiño Norte, uns traballos que contarán cun orzamento de 40.000 euros e que buscan "unha simbiose" entre a ruta xacobea "e a historia dos mindonienses ilustres".

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explicou que o seu goberno aposta "pola recuperación e posta en valor dese inmoble", que tamén servirá para darlle "un impulso" ao centro de interpretación. De feito, precisou que se trata de "articular un novo guión expositivo que combine o contido do actual centro cultural Alcántara, no que se fai unha homenaxe aos mindonienses ilustres, coa riqueza cultural do Camiño de Santiago na contorna de Mondoñedo".

Manterá, polo tanto, os andeles relacionados con personaxes como Antonio Noriega Varela, José Pacho, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro ou Álvaro Cunqueiro, pero tamén se gañará espazo para colocar todo o contido relativo ao centro de interpretación, que será dirixido polo fundador de Trivium, César Abella.

Comentarios