As obras da residencia e centro de día de Guitiriz empezarán en 2016

Regina Polín acordou con Darío Campos axilizar os trámites do proxecto. O inmoble terá capacidade para uns 50 usuarios

As obras para construír unha residencia e centro de día na Casa da Botica de Guitiriz comezarán en 2016. Así o anunciou a alcaldesa socialista, Regina Polín, tras manter un encontro co presidente da Deputación, Darío Campos. 

Esta reunión permitiu acabar co bloqueo e coa polémica que sobrevoaba este inmoble, e que se prolongou durante os últimos catro anos pola negativa do anterior equipo de goberno, encabezado polo popular Xosé María Teixido, de construír a residencia neste emprazamento.

"O encontro foi altamente positivo. O proxecto está desbloqueado e agora o que faremos é poñernos a traballar para poder adxudicar e comezar as obras o próximo ano", asegurou Polín, que cre que por fin "chegou a paz" a Guitiriz. 

Para que isto poida chegar a ser unha realidade, convocarase proximamente unha comisión de seguimento na que os técnicos municipais e provinciais realizarán unha evalución do proxecto. 

A alcaldesa, pola súa banda, comprometeuse a levar a pleno a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que é imprescindible, segundo a normativa urbanística, para poder pór en marcha os traballos neste emblemático inmoble. 

Para o seu acondicionamento e para a construción dun edificio contiguo, a Deputación provincial de Lugo ten comprometida unha partida de 1,2 millóns de euros, aos que se sumarán outros 200.000 que sairán das arcas municipais. 

Tal e como recordan desde o ente provincial a residencia e centro de día público na Casa da Botica "é unha dotación social moi demandada polos veciños de Guitiriz, que ata crearon unha plataforma cidadá na súa defensa". 

Na actualidade, moitos guitiricenses están en centros de Castro de Rei, O Incio, Quiroga ou Outeiro de Rei, porque non contan con esta prestación no municipio.

"A Casa da Botica pasará a ter unhas 50 prazas que se distribuirán entre residencia e centro de día en función dás necesidades", puntualizou a rexedora, que asegura que o inmoble disporá de 24 habitacións individuais -que en caso de demanda poderán converterse en dobres-.

"Con estes traballos, xunto á dotación dun servizo necesario para vos veciños deste municipio, outro dos beneficios da execución deste proxecto é a recuperación dun emblemático inmoble", sinalan desde a Deputación, convencidos en axilizar ao máximo os trámites para a posta en marcha deste servizo.

Comentarios