O verán chairego é unha festa

O auxe das verbenas é unha realidade, debido en boa parte ao tirón das grandes formacións do momento que congregan multitudes
Edición pasada do Festival de Pardiñas
photo_camera Edición pasada do Festival de Pardiñas

Os máis trouleiros volven ter o seu particular calendario repleto de citas. Xullo e agosto son os meses por excelencia nos que verbenas, feiras, xantares e festivais se chegan a solapar nas vilas e aldeas chairegas, de Meira e As Pontes.

Atrás quedan varios meses de preparación por parte dos organizadores que, nalgúns casos, xa recolleron os seus froitos. É o caso de Guitiriz, que vén de honrar por todo o alto ao seu patrón, San Xoán; Vilalba, que acaba de celebrar unha gran festa tradicional, con cabezudos incluídos, no cincuentenario do IES Basanta Silva, ou decenas de parroquias da zona, que xa festexaron as súas patronais.

Centos de mozos tamén deixan festexado na praia da Riboira, en Baltar, a undécima edición do Festival da Chaira, que ano tras ano consegue máis adeptos ao bravú. A mesma sorte se espera que corra o Festival Rock no Lago, que se estreou o pasado día 2 de xullo nas Pontes.

Aínda así, son moitas as citas para tódolos gustos que quedan por diante. Esta fin de semana, os días 16 e 17, o club fluvial de Begonte dará a benvida a todos aqueles que se queiran achegar á Festa da Empanada. Por outra banda, en Parga, decantaranse polos callos.

O domingo, día 17, a carballeira de Parga acollerá a XXII Feira da Cantería, dos Callos e da Artesanía, na que non faltarán o repicar dos canteiros, as actividades para os máis pequenos e un bo xantar para repoñer forzas.

A Festa da Fraga das Pontes comezará o sábado 23 cunha churrascada e finalizará o día 25 coa xa mítica sesión vermú

Ao mesmo tempo, aínda que no concello coruñés das Pontes, as Festas do Carme servirán como antesala a unha das celebracións máis concorridas. A Festa da Fraga volverá reunir entre os días 23 e 25 de xullo a milleiros de persoas que vibrarán ao son das Cantareiras de Alende, A Banda da Balbina e Festicultores Troupe na noite do sábado, despois de dar comezo aos festexos cunha churrascada popular. O domingo terá lugar o tradicional festival folk, ao que acudirán A Requinta da Laxeira, No Cómbaro, Óscar Ibáñez, Guezos e Cuchufellos. Pero o momento máis agardado culmina na sesión vermú do día 25, cando a orquestra Galilea porá os acordes para, xa caída a noitiña, dar paso ao grupo Iberia Sumergida e aos madrileños Mägo de Oz.

PLANS PARA AGOSTO. Sen abandonar a música folk e case sen tempo a recuperarse, a asociación cultural Xermolos celebrará os 37 anos de historia do Festival de Pardiñas durante os días 5, 6 e 7 de agosto. Iniciarase polos bares de Guitiriz, os cales acollerán o cuarto Certame de Cantos de Taberna a partir das 20.00 horas, aínda que o prato forte se reserva para a noite do sábado e o domingo.

Bloquinho de Xermolos, Banda Crebinsky, Anxo Lorenzo Band, os andaluces Rarefolk, Liviao de Marrao, Fullset ou Fanfarria Taquikardia, entre outros, non deixarán descansar os asistentes a unha nova edición desta Festa de Interese Turístico Galego, pregoada por Maruxa Miguens e Pepe Romero (Os Rosales). Ademais, non se deixarán de lado as exposicións e actividades durante o día, como a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e a Carreira Popular, o día 6, ou o espectáculo de Duende Circo, o obradoiro de batukada a cargo de Bloquinho e o pregón musical a cargo de Mini e Mero para poñer punto final por este ano.

Tamén no concello de Guitiriz, pero neste caso nos Vilares, terá lugar a Romaría Labrega da Chaira os días 13 e 14 de agosto. As actuacións dos Feroces da Galgueira e Lumieira porán o ritmo xunto con La Hora Bruja e Fusión Latina, ademais de contar cunha liscada e un bo xantar para cadanseu día de festa, probas de habilidade, sorteos e ata un concurso de baile.

E esa mesma fin de semana, pero tan só o sábado, a asociación cultural Castiñeiro Milenario organiza no club fluvial de Begonte unha nova edición do Festival 27373, que se propón manter o protagonismo da música rock, tradicional e en galego.

Meira revivirá a Festa da Malla o domingo 21 de agosto, con grupos de música tradicional durante todo o día, mostras de artesanía e maquinaria antiga e, por suposto, boa comida e unha gran queimada para todos os asistentes.

A Festa do Emigrante, en Pol, tamén contará con manxares. Veciños e emigrados daranse cita o día 24 de agosto para xantar e contar cunha tarde de lecer na carballeira de Mosteiro.

Por último, Castro de Rei tamén celebrará a Festa da Malla o día 28 cunha comida e a música do Dúo Meritxell, poñendo así remate a dous meses de troula case ininterrompida.

As orquestras convértense nas protagonistas das vilas e aldeas

Dende as cidades ata as aldeas máis pequenas, pasando polas vilas, todas elas contan con celebracións na honra ao seu patrón ou patroa. Na inmensa maioría trátase dunha fin de semana na que a sesión vermú se coroa como o punto de encontro de veciños e familias e as verbenas serven para soltar o corpo a bailar.

Como xa se mencionou, o San Xoan é unha festa espallada por toda a comarca e arredores. por iso Guitiriz, a parroquia vilalbesa de San Xoán de Alba, a pastoricense Lagoa, ou as abadinesas Castromaior, Romariz e Vilarente, entre outras, non pasaron por alto unha das datas máis sinaladas do ano.

E o San Pedro non é para menos. Tanto Muras como Begonte, Santaballa (en Vilalba), Triabá (en Castro de Rei) ou Pígara e O Buriz (en Guitiriz) deixaron nas mans de orquestras e grupos a diversión dos seus veciños e achegados.

Máis recentemente, Muimenta celebrou os seus días grandes na honra ao San Cristovo, patrón de coches e condutores, os cales non faltaron á cita, do mesmo xeito que o campo da feira de Vilalba, que acolleu a festa por segundo ano tras moitos sen facerse.

Por diante quedan aínda as grandes citas estivais. Para ir comezando, Santa Cristina (en Cospeito), Lanzós (en Vilalba) e As Pontes xa teñen ultimados os seus programas festivos. Os ponteses xa comezan a abrir boca para os grandes días das Festas do Carme. O venres 15 marcarán o inicio Marbella e Aché, mentres que París de Noia e El Combo Dominicano quedan reservados para o sábado. Gran Parada e Los Satélites farán bailar a novos e maiores a noite do domingo, quedando Panorama e New York para o luns, pechando así a morea de verbenas multitudinarias que se agardan na vila coruñesa.

Os ponteses deixarán paso á Festa da Fraga, coincidente coas celebracións na honra a Santiago Apóstol, estendidas por toda a xeografía. As parroquias vilalbesas de Sancovade e Goiriz, Reigosa (na Pastoriza), Xustás (en Cospeito) ou Moncelos (en Abadín) coparán unha fin de semana máis longa do habitual, ao ser luns o día 25.

Panorama, París de Noia e El Combo Dominicano repiten como aposta segura àra as festas máis concorridas da zona

E, sen chegar a rematar esa semana, xa o venres 29, El Combo Dominicano estará agardando en Piñeiro, Xermade. Ao mesmo tempo que as verbenas no Chao do Pousadoiro, en Ribeira de Piquín, e en Pacios (Begonte).

Así mesmo, o mes de agosto comeza forte. Castro Ribeiras de Lea honrará durante catro días, do 5 ao 8, a San Roque e ao Doce Nome de María. De novo, París de Noia, o domingo, e os canarios de El Combo Dominicano, o luns, porán a nota de espectáctulo acompañados de Pontevedra, Breixa Band ou Venezia, entre outras.

Outros tantos días de troula se agardan en Meira. Durante os días 14, 15, 16 e 17 de agosto os meiregos poderán desfrutar de sesións vermú, verbenas, a procesión de San Roque e a tradicional xira no Porto da Pena. Dous días máis tarde, Bretoña bailará a ritmo de Tekila, Gran Parada, La Oca Band e Trova os días 19, 20 e 21.

E a capital da Terra Chá será a encargada de poñer o punto final ás citas do verán, en canto a festexos se refire. San Ramón e Santa María non se limitarán aos seus días propios, xa que a II Carreira Andaina Nocturna iniciará o día 20 de agosto case dúas semanas de eventos. Dous días máis tarde proclamaranse as Damas e as Raíña das Festas, ás que se lles imporán as bandas o día 30, coincidindo coa lectura do pregón e o Certame Literario. Ademais, o cartel estará repleto de actuacións.

Comezarán o día 24, co motivo da Xira da Terceira Idade, coa orquestra Xacobeo, mentres que os días 27 e 28 os mozos bailarán a ritmo de Iris e Midas, na primeira xornada, e Catedral, na segunda. Xa o día de San Ramón, 31 de agosto, é a quenda de El Combo Dominicano e Alianza, que darán paso a Panorama e Venezia o 1 de setembro. Costa Oeste e Los Satélites resérvanse para o venres 2, Gran Parada e Trova para o 3, e Essencia para o Día das Parroquias, adicado a Insua nesta ocasión.

Comentarios