O universo de Faiuco, o trasno astronauta

Mestres e alumnos do Ceip Virxe do Corpiño de Begonte traballan man a man no Proxecto Documental Integrado ‘'Faiuco é astronauta'’, unha iniciativa que leva á mascota do centro a deixar a súa faia e emprender unha aventura espacial

FAIUCO É UN pequeno trasno que vive nunha faia do recinto escolar do Ceip Virxe do Corpiño de Begonte. As pólas da árbore chegan ata as ventás da biblioteca do colexio, polo que a Faiuco lle gusta perderse entre os libros e, sobre todo, propoñerlles misións aos estudantes para que fagan cousas relacionadas coa lectura. "É pequeno, ten rabo e orellas grandes, é marrón e ten pelo". Así describen os alumnos a este pequeno compañeiro ideado por eles en 2014, do que explican que é "o xefe da biblioteca", que "vive nunha árbore e na biblioteca" e que lles manda "notas" e tamén "ler e estudar". 


"Agora está no espazo exterior", concretan os escolares begonteses. E é que a Faiuco, como bo trasno, o que lle gustan son as trasnadas, e a máis grande que fixo ata o momento foi a de converterse en astronauta e emprender unha aventura espacial, logo de constatar o interese amosado por este tema polos seus amigos do ‘cole’ despois da visita que fixeron ao planetario da Coruña no curso 2015-2016. 

Faiuco propúxose viaxar polo espazo para coñecer os satélites, os cometas, os planetas, as estrelas, os asteroides e, por suposto, embarcou na súa misión os preto de 50 alumnos e os oito mestres –seis fixos e dous itinerantes– do Virxe do Corpiño a través do proxecto interdisciplinar ‘Faiuco é astronauta’, que ten unha duración de dous cursos, o pasado e o actual. 

Coa idea de concorrer ao concurso de Proxectos Documentais Integrados que organiza a Consellería de Educación, o colexio begontés mudouse ao espazo exterior, coa biblioteca e o seu contorno como centro de operacións, aínda que o traballo se fixo extensivo a todas as clases. E así, os nenos de infantil encargáronse de recrear o sol e a lúa e os de primaria facían o propio cos oito planetas do sistema solar, ademais de Plutón. 

E mentres Faiuco coñece planetas e estrelas, os escolares de Begonte tentan seguirlle o ritmo dende as aulas, aproveitando todas as materias para seguir os seus pasos. Por exemplo, os nomes dos planetas non soan igual en inglés, sobre todo se se aprenden a través de notas e cancións, e as constelacións son unha ferramenta válida para traballar os polígonos, mentres que as unidades de lonxitude tamén poden servir para medir as distancias do universo. 

Na biblioteca do colexio xa se pode consultar ‘O noso libro dos planetas’, froito do traballo de investigación sobre o Sistema Solar que foron facendo os alumnos

A obra musical ‘The planets’, de Gustav Holts e o modelo pedagóxico Flipped Classroom –os alumnos preparan a clase e logo impártena– foron moi útiles para seguir a viaxe interplanetaria de Faiuco, quen lles recomendou aos seus amigos crear unha obra de teatro para aprender as características dos planetas ou elaborar un cómic para relatar a súa estadía espacial. Ademais, na biblioteca do colexio xa se pode consultar ‘O noso libro dos planetas’, froito do traballo de investigación sobre o Sistema Solar que foron facendo os alumnos. 

O espazo serve tamén para conmemorar días sinalados, coma o da muller, que en Begonte aproveitaron para familiarizarse coas mulleres astronautas; e pódese compatibilizar con outros programas, coma o das Mochilas Viaxeiras, que estes aplicados estudantes cargan con publicacións sobre os planetas ou o universo. 

Estas son só algunhas das actividades desenvolvidas o curso pasado que, por suposto, teñen continuidade no presente, cun calendario de misións a realizar mentres Faiuco e a súa nave buscan o camiño de volta cara a súa faia... e cara a biblioteca. Visitar o observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela ou a sede de Meteogalicia e recibir no centro a un astrónomo son algunhas das ideas que tivo este pequeno trasno para amenizar a espera dos seus amigos, que nos vindeiros meses continuarán a estudar sobre viaxes espaciais, planetas, estrelas ou cometas. 

Quedastes con ganas de saber máis sobre as aventuras de Faiuco no espazo? Se é así, podedes consultar o seu blogue www.acasinhadefaiuco.blogspot.com.

Comentarios