O turismo repuntó un 20% en Cervo en parte grazas á área de autocaravanas

O Concello instalou unha rede wifi e mellorou a iluminación para os caravanistas, por ser un "puntal turístico"
Playa cervense de O Torno
photo_camera Playa cervense de O Torno

A edil de turismo cervense, Manuela Méndez, fixo públicos este domingo os datos turísticos deste verán na localidade. As cifras revelan un incremento de máis dun 20% no número de visitas con respecto á tempada precedente. O mes de agosto –no que se celebran as festas da Maruxaina e a Queimada Popular– concentrou ao maior volume de turistas. Ademais, a área de autocaravanas "foi un puntal importante para ou sector e rexistrou varios días unha ocupación do 100%", engadiu a concelleira.

Na zona para os caravanistas, Cervo habilitou este ano unha rede wifi municipal en aberto. Os usuarios poden deste xeito acceder á páxina web do Concello con información útil para eles. Nesa contorna tamén se mellorou a iluminación e a información turística e práctica para o visitante. "Uns traballos cos que conseguimos unha zona de autocaravanas moito máis confortable", asevera Méndez.

O turismo familiar viuse favorecido pola oferta lúdico e deportiva deseñada desde o Concello, "o que favorece que os nenos que nos visitan se integren e socialicen e iso é algo que os pais valoran á hora de seleccionar un destino vacacional", engade.

Sen ofrecer datos exactos de entre os solicitados na oficina de turismo de San Cibrao, a edil si se mostrou satisfeita por ver "como cada ano o número de visitantes vai medrando, froito do carácter hospitalario do pobo e tamén dos múltiples atractivos cos que contamos".

Seguirán apostando, avanza Méndez, por axudar ás asociacións do municipio que organizan eventos durante o verán porque comprobaron desde o Concello que o seu labor "dá os seus froitos. Practicamente houbo unha actividade continua o que contribúe en facer de Cervo un municipio cada vez máis atractivo para o turismo".

AS CATEDRAIS. Aparte, na localidade ribadense, a web de reservas gratuítas para visitar o monumento natural das Catedrais segue estando operativa ata final de mes. Aínda que xa non hai colas para baixar á praia, segue recibindo a numerosos visitantes. Este domingo, das 4.812 visitas permitidas cada día, quedaron 1.800 prazas libres.

Comentarios