O TSXG resolverá a causa de Adega por non declarar a Xunta BIC a Cova Eirós

Un xulgado do Contencioso de Santiago decidiu inhibirse da demanda da asociación ecoloxista
Trabajos en la gruta
photo_camera Trabajos en la gruta

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela decidiu inhibirse da demanda presentada por Adega contra a Consellería de Cultura por non declarar Ben de Interese Cultural (BIC) Cova Eirós de Triacastela. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) será agora o encargado de pronunciarse sobre o caso.

Segundo explica Adela Figueroa, de Adega, a asociación presentara a demanda ante o Contencioso-Administrativo de Santiago por atoparse nesta cidade a Consellería de Cultura. Estaba previsto que se celebrase este martes a vista por esta demanda no xulgado santiagués, aínda que hai uns días comunicouse ao colectivo que se daba traslado do caso ao TSXG.

A organización ecoloxista basea a súa demanda en que o organismo autonómico non tomou medidas para declarar BIC á gruta. Segundo explica, a Lei do Patrimonio Histórico Español establece que todas as covas nas que aparecen pinturas rupestres debe ser declarado BIC, que foron descubertas en Cova Eirós no ano 2011. Pola súa banda, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia apunta que a designación de BIC requirirá previa incoación e tramitación do expediente administrativo por parte da Xunta de Galicia de oficio ou a instancia de parte por calquera persoa física ou xurídica.

Asegura que a propia Adega, xunto á asociación O Iribio, solicitou esta declaración xa en 2012 e volveu pedila en 2015. Posteriormente presentou un recurso de alzada ante a Administración autonómica sen, segundo a súa versión, obter resposta, polo que interpuxo a demanda xudicial.

Mentres non se finaliza o expediente de BIC a gruta conta cun radio de protección de 200 metros, afirma o colectivo. Este recorda que recentemente o Consello da Cultura de Galicia urxiu a que se proceda á declaración formal como BIC de Cova Eirós, un xacemento de "grande interese que se debería potenciar", apunta.

Comentarios