O Tribunal Supremo desestima o recurso sindical ao Ere de Sargadelos

A empresa, de cuxo capital xa non forman parte os herdeiros de Isaac Díaz Pardo, espera poder saír do concurso voluntario no que está e asinar o convenio a finais do verán
Concentración contra los despidos, en mayo del año pasado.
photo_camera Concentración contra los despidos, en mayo del año pasado.

O Tribunal Supremo desestimou nunha sentenza datada o pasado 19 de maio o recurso de casación interposto polos sindicatos UXT, Comisións Obreiras e CIG contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de xullo do ano pasado no que declaraba axustado a dereito o despedimento colectivo nas fábricas de cerámica do Castro e Sargadelos.

Os despedimentos que afectaron a 70 persoas -29 na fábrica sadense do Castro e 41 na cervense de Sargadelos- foron comunicados en xaneiro do ano pasado, logo de haberllos comunicado aos respectivos comités de empresa en decembro de 2013. O grupo baseaba en causas económicas a necesidade de executar os despedimentos e expuña a necesidade de negociar os expedientes de ambas as fábricas de xeito conxunto. Os comités opuxéronse desde o principio a esta negociación conxunta e finalmente funcionaron dúas comisións negociadoras independentes, aínda que se recollía nunha soa acta, pero intervindo de xeito separado cada representación social.

O TSXG declarou acreditadas as causas económicas esgrimidas pola empresa para levar a cabo o despedimento colectivo e desestimou o recurso dos sindicatos na súa totalidade. Os representantes dos traballadores fundamentaban o seu recurso en tres motivos: a incongruencia omisiva da sentenza impugnada, a infracción da normativa e da xurisprudencia relativa aos grupos de empresa e a vulneración das disposicións que regulan o despedimento colectivo.

Os sindicatos esixían declarar nulos os despedimentos e a reincorporación inmediata aos seus postos de traballo aos operarios afectados «con abono dos salarios de tramitación». Ademais, de pedir que o despedimento se declarase non axustado a dereito.

Por outra banda, fontes da empresa sinalaron onte que a familia de Isaac Díaz Pardo retirou os incidentes concursais que tiña interpostos contra o grupo e que Segismundo García adquiriu as súas accións nas cerámicas. Desta forma o empresario ribadense, que xa tivo responsabilidades directivas no grupo, convértese no maior accionista.

Neste sentido, desde a empresa sinalaron que ambas as noticias son «importantes» para o futuro de Sargadelos.

De feito, canalizados os temas xudiciais, a empresa espera saír do concurso e asinar o novo convenio colectivo a finais do verán. Será un sopro de aire fresco para o grupo cerámico que desde 2009 acumula sete expedientes de redución e suspensión de xornada no Castro e seis en Sargadelos polos malos resultados económicos.

Comentarios