jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

O traslado físico do alumnado do CPI Monte Caxado só será na Eso

Os escolares de infantil e primaria permanecerán como ata agora nas instalacións do colexio extinguido

O traslado físico do alumnado do CPI Monte Caxado só se fará efectivo no caso da Eso, cuxo pavillón, mobiliario e materiais pasarán a depender do IES Moncho Valcarce. Os escolares de infantil e primaria permanecerán como estaban ata agora nas instalacións do centro extinguido, pero adscritos ao Ceip A Magdalena.

Esta foi unha das cuestións que se abordou este martes no Consello Escolar Municipal (CEM) extraordinario que se celebrou na casa consistorial, e no que se volveron a analizar cales serán os principais problemas aos que se enfrontará a comunidade educativa unha vez que comece o curso 2017-2018.

Para dar resposta ás dúbidas xurdidas entre os pais, a Anpa do Ceip A Magdalena mantivo unha reunión coa dirección do centro, que a última hora da mañá emitiu un comunicado informativo –que por primeira vez chegou tamén aos teléfonos móbiles dos proxenitores do Monte Caxado, tras a migración telemática dos datos do colexio extinguido–.

Na nota, a dirección do centro explica que os libros de texto que se empregarán o próximo curso serán os que se estaban utilizando ata agora no Ceip A Magdalena, aínda que recomendan aos pais esperar ata setembro para compralos, "xa que poden existir modificacións nas listas de libros de texto e material", din.

Así mesmo, tamén indican que o período para solicitar praza no servizo de Almorzos non Cole, no comedor escolar ou no transporte –cuxos usuarios deberán vivir a máis de dous quilómetros de distancia– estará aberto a partir do próximo 1 de setembro.

A pesar das aclaracións, son moitas as dúbidas que aínda sobrevoan entre os pais e Anpas, que consideran que "todo queda no aire ata setembro", con moi pouco marxe de decisión antes de que os escolares teñan que regresar de novo ás aulas.

Por iso, o grupo de traballo As Pontes co Ensino Público asegurou este martes no CEM, a través do seu portavoz Belén Castro, que seguirán mobilizándose para tratar de conseguir unha moratoria dun ano. Farano con convocatorias sorpresa, como a que realizaron o martes en Santiago, onde foron atendidas por representantes do PP, ou con "unha mobilización máis grande na que esperamos o apoio do pobo", dixo Castro.

Ademais destas medidas, uns 85 pais do CPI Monte Caxado –aos que se poderían sumar algún máis– iniciarán un recurso contencioso para tratar de suspender temporalmente o decreto de Educación, unha acción que xa tomou o Concello pontés a través do seu gabinete xurídico.

O traslado físico do alumnado do CPI Monte Caxado só será na Eso
comentarios