O SUP rexeita que os membros do Concello de Santiago asistan ao acto do Día da Policía

O sindicato policial cuestiona a falta de recoñecemento aos axentes que participaron no desaloxo do centro social Escarnio e Maldizer en xuño

O sindicato policial SUP expresou este mércores o seu rexeitamento a acudir ao acto de celebración do Día da Policía, o vindeiro luns, pola invitación cursada a membros do Concello de Santiago de Compostela e cuestionou a falta de recoñecemento a axentes autores dunha "detención arriscada".

Nun comunicado, o SUP (siglas de Sindicato Unificado de Policía), indica que "non asistirá aos actos do Patrón da Policía Nacional" en signo de protesta. "O SUP non pode compartir o mesmo acto con algúns membros da Corporación Local do Concello de Santiago, que realizaron declaracións moi duras" sobre a carga dunha unidade policial en xuño pasado para desaloxar dunha casa ocupada no centro histórico da cidade, o centro social Escarnio e Maldizer, indica a nota.

Subliña que nesa intervención os axentes policiais tiveron que enfrontarse a "manifestantes encapuchados portando paus e escudos" que "os golpearon" e, a consecuencia diso, seis funcionarios tiveron "feridas de consideración". Así mesmo, felicita aos catorce compañeiros que serán condecorados no acto do próximo luns, oito da Comisaria de Santiago de Compostela e cinco da Unidade Adscrita á Xunta de Galicia, que recibirán a Cruz ao Mérito Policial con distintivo Branco e unha compañeira da Comisaria de Santiago con Cruz ao Mérito Policial con distintivo Vermello.

Con todo, o SUP indica que "bota en falta" que non reciban o seu "merecido recoñecemento" dous axentes da Comisaría de Santiago de Compostela que "practicaron unha detención arriscada ao deter ao presunto autor do apuñalamento dunha moza".

Comentarios