O San Froilán dedicará un día ao Camiño Primitivo con recreación de oficios antigos e verbena

O 11 de outubro haberá desde talleres de artesanía a clases de baile e abrirase unha Ruta dos Dereitos Humanos ► O Concello puxo reparos a unha caseta do polbo polas medidas
Presentación del programa de las fiestas
photo_camera Presentación del programa de las fiestas

O Camiño Primitivo volverá ter un día dedicado no San Froilán. Será o mércores 11 e para a ocasión programáronse actividades novas, como a inauguración dunha Ruta dos Dereitos Humanos, coa colocación de dúas placas en Fontiñas e a sala Porta Miñá, "para sinalizar a entrada e saída do Camiño na zona urbana", segundo explicou a alcaldesa.

Ademais, a partir das 12.00 horas comezará xunto ao vello cárcere unha demostración de artesanía relacionada co Camiño Primitivo, con talleres de construción e restauración de instrumentos musicais ou teares, así como clases abertas de baile tradicional en diferentes puntos da ruta. O peche musical do día protagonizarano, ás 21.00 horas na Horta do Seminario, Treixadura e o coro Cantigas e Agarimos, na que pretende ser "unha recreación dunha verbena galega das de antes, con parellas que van a ensinar a bailar a quen o desexe", segundo explicou Basadre.

A escritora Marica Campo dará o pregón inaugural e a soprano Noemí Mazoy fará a ofrenda a Rosalía o Domingo das Mozas


Pola súa banda, a alcaldesa recordou que a ofrenda a Rosalía de Castro faraa o Domingo das Mozas a soprano lucense Noemí Mazoy, mentres que a lectura do pregón, que será o día 4 ás 20.00 horas na Praza Maior, correrá a cargo da escritora Marica Campo, "unha lucense de pro, que máis aló da súa vida profesional dedicada á docencia, é referente cultural de Lugo", dixo Méndez. A rexedora tamén anunciou que o recinto feiral abrirá as súas portas o 29 de setembro e permanecerá en funcionamento ata o 15 de outubro, aínda que as tradicionais casetas do polbo, do mesmo xeito que en anos anteriores, poderán manter a súa actividade ata o día 1 de outubro. De feito, este venres autorizouse a instalación da caseta número 4, que xestiona Torre de Núñez, mentres que se denegou a do número 2, adxudicada a Manolo de Marce, ao non cumprir as medidas contempladas no concurso. Con todo, o Concello dará uns días de prazo a este adxudicatario para emendar as deficiencias.

O aspecto gastronómico tamén estará presente na celebración dunha nova edición de Gastroarte e a estrea da actividade Saborea o San Froilán, que permitirá cociñar en directo, con receitas achegadas polos propios visitantes, produtos comprados na praza de abastos.

COMISIÓN DE FESTAS. A alcaldesa tamén agradeceu este venres a participación dos grupos municipais e os cidadáns á hora de achegar suxestións para a súa elaboración, aínda que antes do acto os membros do grupo do PP abandonaron a comisión de festas para denunciar o "ninguneo" do goberno local. O portavoz popular Antonio Ameijide criticou que "ao longo destes dous anos de mandato de Lara Méndez se repitan actitudes prepotentes que frean a participación", como di que o demostra o feito de que "o programa" das festas se dea a coñecer "catorce días antes da apertura do recinto feiral".

Pola súa banda, a portavoz de Ciudadanos, Olga Louzao, instou a abrir a comisión de festas á participación de todos os sectores da cidade que queiran colaborar na organización e pediu que as asociacións de hostaleiros, comerciantes e veciños teñan un "papel máis importante" na confección do programa.

Comentarios