O Samaín impera entre os máis pequenos da Mariña con festas temáticas nas que o terror é a clave

A hostalería do Valadouro apostou este ano por unha ruta de tapas terroríficas e locais ambientados para a ocasión ► O desfile do Vicedo sacou o medo e a diversión á rúa, adornada con cabazas elaboradas polos escolares

A festa de Samaín está a converterse nunha das favoritas dos máis pequenos, aos que van dirixidos boa parte das actividades que se promoven nas diferentes localidades, impulsadas tanto pola iniciativa privada como polos concellos. 

Un exemplo é o concello do Valadouro, onde os nenos gozaron este luns dunha macrofiesta, na que non faltaron os xogos e talleres diversos, ademais duns divertidos pintacaras, que complementaron á perfección os disfraces polos que apostaron boa parte dos pequenos. Bruxas, vampiros, zombies e demos foron algúns dos que se viron no pavillón de deportes, onde se serviu unha merenda a mar de terrorífica. 

Tres horas de diversión, tras as que tomaron a substitución os maiores, que puideron gozar dunha ruta de tapas por Ferreira, con locais ambientados para a ocasión. Dúas tapas por local animaron á xente a saír de casa nunha ponte festiva e a gozar dunha aposta gastronómica diferente, que máis dun atreveuse a facer disfrazado. 

Os nenos son os que mellor adaptaron o Samaín á súa filosofía de diversión co medo como eixo condutor dos seus xogos

Os disfraces tomaron tamén as rúas do Vicedo. Unha festa xa arraigada, pois non en balde hai catorce anos en que empezou o desfile, que desde entón vén repetindo cada vez con máis entusiamo. O Concello, coa colaboración da Anpa do colexio, organizou previamente un taller de adornos, que serviu para complementar boa parte dos disfraces, así como outro de decoración de cabazas, coas que se adornou a localidade. 

En Ribadeo innovaron este ano cunha casa do terror, con varias dependencias que se montaron no teatro e moitos sustos para os asistentes, que tamén puideron facer provisión de comida e castañas asadas, pois as actividades promoveunas o Concello e a comisión organizadora do Entroido, entidades que este luns apostaron polo cine, co pase de ‘Frankestein’ e ‘A noiva de Frankestein’ e que o domingo fixeron un animado desfile polo centro. 

Castañas foi a opción de Beiras de Viveiro, que este luns organizou unha festa infantil en Parquemar, con magosto e concurso con premios para as mellores cabazas. Espazo Xove organizou un taller de maquillaxe gratuíta e houbo tamén festa no Casino vivariense. 

Na casa do mar de San Cibrao tamén houbo unha animada festa para os máis pequenos, unha cita que se sumou ás varias que se promoveron neste concello, con taller de cociña infantil incluído. Este martes houbo un taller de manualidades na biblioteca, mentres que no Museo do Mar os integrantes do club Pequeamigos indagaron na orixe da tradición celta do Samaín, ademais de levar a cabo algunha monstruosa creación. 

Xove tamén tivo as súas propias actividades, cun taller de cabazas na Omix, cunha elevada participación e que adornarán a estancia durante a semana.

Comentarios