O PPdeG distribuirá "un xornal" local para achegar "unha visión fresca" da realidade municipal

O obxectivo do partido con esta iniciativa é "seguir pegado á rúa e á xente"
Tellado, este viernes en el Comité de las ciudades
photo_camera Tellado, este viernes en el Comité de las ciudades

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, anunciou que a formación que lidera Alberto Núñez Feijóo porá en circulación "o seu propio xornal" en cada unha das sete cidades galegas, co fin de "achegar unha visión fresca e diferente da realidade municipal", pero, sobre todo, "seguir pegado á rúa e á xente".

Segundo explicou en rolda de prensa, ao termo da reunión que mantivo en Santiago o Comité das Cidades, Tellado explicou que os contidos das sete publicacións serán distintos e axustaranse á situación de cada urbe, pero terán unha "coherencia" xa que, defendeu, o PPdeG é un partido "unido".

"Non estamos en pelexas internas para ver quen pode dicir máis alto que 'non é non'; non temos alcaldes e figuras históricas conspirando contra o noso líder, iso deixámosllos aos señores das mareas; e tampouco queremos imitar a nacionalismos fracasados tras ter o peor resultado da nosa historia", defendeu.

Tras defender que o PPdeG é "un partido de goberno" e marcarse o reto de "trasladar a estratexia de Feijóo ás sete cidades", subliñou que os "xornais" populares servirán, onde son oposición, para "desenmascarar a parálise e as carencias na xestión dos gobernos populistas, socialistas e nacionalistas" e contrapolas cos "proxectos de cidade serios e rigorosos" da súa formación.

En Ourense, única urbe na que goberna o PP, os populares aspiran a que a súa publicación contribúa a reivindicar que "outro modo de gobernar é posible". "Desde a moderación, desde a preocupación polos cidadáns e desde o falar pouco e facer moito", resolveu.

Finalmente, preguntado achega do custo desta iniciativa, non o concretou, pero asegurou que "non é cara". Así mesmo, prevese que as publicacións de partido teñan "unha periodicidade".

Comentarios