O PP di que se perderon máis de 50 policías e que non haberá cuartel no norte

Os populares piden aumentar a presenza de axentes para evitar roubos

O viceportavoz do grupo municipal do PP, Enrique Rozas, denuncia a perda de máis de 50 axentes da Policía Local nos últimos anos tras as decisións do departamento de Persoal do Concello. "Isto repercute negativamente nos cidadáns, xa que hai menos policías para prestar servizo na rúa e atender as incidencias", di o concelleiro.

Enrique Rozas critica, por outra banda, que a alcaldesa, Lara Méndez, renuncie, segundo el, a crear a delegación da Policía Local na zona norte da cidade, tal e como pedira o PP, alegando falta de persoal na Policía.

Neste sentido, o viceportavoz popular asegura que "non é de recibo que se amparen na falta de axentes para negarse a crear a delegación policial na zona norte, unha necesidade para os cidadáns por mor do crecemento experimentado pola cidade nos últimos anos".

ROUBOS. O concelleiro popular pide, de novo, a presenza da Policía Local no Concello para axudar aos cidadáns e dar seguridade e evitar roubos como os que xa se produciron na casa consistorial.

Enrique Rozas tamén denuncia "a mala xestión do corpo, que precisa uhna reestruturación urxente para dar unha mellor e un maior servizo á cidadanía".

O viceportavoz do PP teme, por outra banda, que se perdan máis postos de traballo na Policía Local xa que aínda non saíron adiante as ofertas de emprego público dos anos 2015 e 2016.

Comentarios