O Piña apraza o seu combate ante o derrame cerebral dun sparring

O lucense atópase "sen ánimo" para defender o seu título de campión de España tras o incidente protagonizado polo púxil co que preparaba a pelexa do 20 de outubro
Alberto Piñeiro conecta un golpe durante un combate
photo_camera Alberto Piñeiro conecta un golpe durante un combate

O combate no que Alberto Piñeiro, O Piña’, tiña previsto defender o seu título de campión de España dos pesos medio ante Luis Crespo, programado para o venres día 20 outubro, foi aprazado, ata agora sen data, debido ao derrame cerebral (concretamente un hematoma subdural, un coágulo entre o cranio e o cerebro) que sufriu o pasado martes Arturo Tomás Gómez, tres veces campión de España de K-1 e sparring co que o lucense preparaba o seu combate do día 20.

Piñeiro manifestou a través dun comunicado que non se atopa «con ánimo» para afrontar a defensa do seu título.

Alberto Piñeiro e Arturo Tomás tiña programado realizar unha semana de adestramentos para preparar os seus respectivos compromisos; o Nacional dos pesos medios, o lucense, e un combate de K-1 en Liverpool, o manchego (o K-1 é unha especialidade que combina técnicas que proveñen de diversos deportes e artes marciais).

Na sesión do pasado martes, cando ambos os púxiles levaban un cuarto de hora no ring, Arturo Tomás comezou a sentirse mal e parouse o adestramento. Pouco despois empezou a marearse e sufriu un desmaio. O médico que vixía a evolución de Alberto Piñeiro, que se atopaba cerca, atendeu ao manchego en primeira instancia e decidiu chamar ao 112 para que fose trasladado ao Hula (Hospital Lucus Augusti).

O detalle
Boa evolución O manchego Arturo Tomás evoluciona ben tras ser intervido cirurxicamente

Arturo Tomás ingresou en urxencias con prognóstico grave, foi entubado, realizóuselle un TAC e no mesmo detectouse un hematoma subdural. Os doutores decidiron operalo de urxencia esa mesma noite ante a gravidade da doenza, realizándolle unha craneotomía e unha drenaxe con, en principio, bo resultado.

Ao día seguinte os síntomas foron bos, xa que ao espertar recoñeceu aos seus familiares, que se desprazaron desde Almansa (Albacete). O prognóstico é reservado, pero a recuperación marcha por bo camiño e invita o optimismo, aínda que é pronto para saber se o púxil terá secuelas.

Alberto Piñeiro atópase bastante afectado animicamente e desde o incidente visitou en numerosas ocasións a Arturo Tomás no Hula.

Este é o segundo adiamento do combate no que O Piña deberá defender o seu título de campión de España do peso medio. Nun principio, estaba previsto para este mesmo venres no Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo, pero o rival do lucense, o madrileño Luis Crespo, pediu que fose atrasado.

Este contratempo prexudicou a Alberto Piñeiro, que levaba o seu plan de adestramento programado para chegar ao cento por cento ao día de hoxe. Unha vez atrasado ao día 20 de outubro, atopouse con esta fatalidade, que deixa no aire a celebración do combate, xa que agora mesmo, como o propio boxeador lucense apunta, o importante é a «pronta e satisfactoria recuperación de Arturo Tomás.

Comentarios