O Osa despediu, ao grande, o seu terceiro ano

O festival burelense consolidouse este ano como unha grande aposta no verán da Mariña e conseguiu atraer a unha gran cantidade de público
Actuación de Malandrómeda
photo_camera Actuación de Malandrómeda

Hai propostas que nacen do bo facer e as gañas de colectivos locais e que loitan por crecer paso a paso e por manter unha filosofía e un estilo definido e coidado. Este é o caso do Osa do Mar e da asociación que o organiza, Fanto Fantini, que conseguiu, con esta terceira edición, consolidar esta cita musical como unha proposta interesante e atractiva coa que gozar de artistas e bandas que prometen pegar moi forte no panorama musical actual.

Apostando por ofrecer múltiples actuacións gratuítas, actividades adicionais, como unha competición de dous días de BMX, unha xornada destinada aos máis pequenos e unha exhibición de automóbiles e fixies vintage, o colectivo cultural demostrou que existe outro xeito de facer as cousas e conseguir que funcionen, porque o cambio de datas do evento festivo e a proposta dunha xornada previa con concertos gratis, conseguiu atraer a un maior número de público e de visitantes que gozaron desde o xoves ata o sábado dun gran programa de concertos e propostas para todos os gustos.

Con todo, o importante nesta cita sonora era a música, e aí o cartel tamén deu no cravo presentando grupos e autores que, aínda que non soen nas radios, conseguiron facerse un oco a través de internet, ou diversos portais especializados e que, estes tres días, fixéronse oír acompañados, sempre, pola anfitrioa do festival, a gran Osa, que non se perdeu a actuación de ningún dos grupos e que bailou, cantou e animou a todos os asistentes.

O público vibrou este sábado cos concertos desde o mediodía, porque as primeiras actuacións nos escenarios Traste, Kiko e Nordés conseguiron congregar a un bo número de persoas. Pola tarde e aproveitando a calor, os seguidores desprazáronse ata a Marosa para ver a Electric Feels e Pega Monstro, pero foi pola noite cando chegou a tolemia coas actuacións de Malandrómeda, Biznaga, Familia Caamagno, Guerreira, o aclamado e esperado C. Boureo e Joe Crepúsculo, cun peche cheo de letras propias. Longa vida ao Osa!

Comentarios