O novo cemiterio de Monterroso estará operativo antes de que remate o ano

As obras da primeira fase están practicamente acabadas e en 2016 farase a segunda
Estado actual de las obras del cementerio.
photo_camera Estado actual de las obras del cementerio.

O novo cemiterio de Monterroso, que se está construíndo na zona coñecida como Os Olmos, podería entrar en funcionamento antes de que finalice este ano. Desde o Concello explican que as obras da primeira fase están practicamente finalizadas, a falta de rematar certos detalles de pintura e albanelería.

Aínda que unha vez que finalicen estes traballos faltaría por realizar a segunda fase, o novo cemiterio monterrosino xa quedaría listo para poder ser utilizado, polo que non se descarta que os primeiros enterramentos póidanse realizar incluso este mesmo ano.

A primeira fase dos traballos desta infraestrutura incluíu a construción dun total de 258 nichos, ademais do peche perimetral da leira de 13.000 metros cadrados que ocupa este espazo, os sistemas xerais da rede de auga, saneamento e luz e un crematorio con diferentes dependencias. O custo desta primeira fase supuxo o investimento duns 190.000 euros.

Para que o novo camposanto estea totalmente operativo faltaría por executar a segunda fase da obra. Desde o Concello explican que estes traballos darán inicio o próximo ano. Destinaranse uns 80.000 euros para completar a urbanización do recinto, o axardinamento de partes do interior e habilitar unha zona para aparcadoiro. En principio esta segunda fase incluía tamén a construción doutros 250 nichos para enterramentos, aínda que finalmente o novo goberno local descartou esta actuación, polo menos ata que non se ocupen unha boa parte dos xa construídos.

Unha vez que se rematen os traballos da actual fase da obra, o cemiterio monterrosino disporá de máis de 250 nichos

Coa entrada en funcionamento deste novo cemiterio dáse resposta a unha vella demanda veciñal, ante a falta de espazo que sofre o actual camposanto, situado no centro urbano da vila.

Unha vez que se rematen os traballos, o cemiterio monterrosino terá dispoñibles uns 250 nichos, co que se solucionará o problema de saturación que rexistra o actual.

Estas novas instalacións, situadas nos arredores do centro urbano, concretamente na N-640 que comunica Monterroso con Lalín, serán de xestión municipal.

Concesións. O anterior goberno local socialista estableceu un custo de concesión dos nichos de 400 euros por 40 anos. Ademais, estipulouse que a prórroga de uso de cada tumba ata o máximo legal tería un custo de 385 euros; a licenza de enterramento, 50 euros, e a transmisión inter vivos e mortis fixouse en 37,50 euros.

Comentarios