sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

O mal estado dos viais provinciais en Xove xera un fondo malestar entre os veciños do concello

Situación da estrada de Penasagudas
Situación da estrada de Penasagudas
Os estragos afectan en xeral a tódalas estradas da Deputación no concello, pero sobre todo nótase máis nalgúns tramos da vía de Penasagudas. O alcalde reclama unha reparación urxente e ofrece un convenio de colaboración

As estradas da Deputación de Lugo no concello de Xove están cada vez en peor estado, segundo constatan a diario os veciños, quenes expresan o seu enfado ante os acusados estragos que presentan os viais provinciais e non dubidan en chamar ao Concello para queixarse semana tras semana e día tras día.

O alcalde xovense, Demetrio Salgueiro Rapa, asegura que xa solicitou ao organismo provincial por activa e por pasiva o arranxo das estradas e, de feito, indica que a responsable de obras díxolle a semana pasada que estaban a punto de comezar a tapar as fochancas, pero aínda non empezaron para desesperación da veciñanza que non dubida en protestar ante os desperfectos dos viais.

O rexedor manifesta que «o acondicionamento dos viais é urxentísimo, porque por exemplo na estrada que vai de Xove ata Penasagudas pasando o centro social cara Viveiro hai tramos intransitables con furados cada dez metros e con zonas totalmente desfeitas», subliña. Neste caso, Salgueiro indica que ademais contrasta o estado da estrada no concello xovense co que presenta a mesma no viveirés, que foi aglomerado polo organismo provincial hai un par de anos.

O estrago é xeral en tódolos viais provinciais do concello xovense, agás no da Vara e Esteiro, que foi obxecto dunha reparación nos últimos meses. «O resto teñen moito tempo sen que se faga nada nelas, agás tapar catro furados», sinala o alcalde.

A estrada de Lago, onde Salgueiro apunta que «hai fochancas en sitios realmente perigosos para a seguridade viaria, como son as curvas», ou a que conduce a Morás por Sumoas son só outros dous exemplos dos importantes danos que rexistran as plataformas rodadas, o que supón un risco importante para os usuarios.

OFERTA. O alcalde de Xove lembra que ofreceu ao novo presidente do organismo provincial, Darío Campos, como xa fixera con anterioridades durante a etapa do goberno do tamén socialista José Ramón Gómez Besteiro, a posibilidade de asinar un convenio de colaboración para o arranxo das estradas da súa titularidade no concello, pero aínda non obtivo resposta á súa demanda.

Demetrio Salgueiro engade que o Concello estaría disposto a poñer fondos propios para acondicionar a medias os viais. «Penso que somos o único concello da provincia que fixo unha oferta semellante á Deputación», salienta o regidor xovense, canso tamén de recibir as queixas continuas dos vecinos e de non poder darlles unha solución ao ser as vías afectadas de competencia provincial.

O mal estado dos viais provinciais en Xove xera un fondo malestar...
comentarios