O Lugo mantivo a súa aposta polo xogo de posición desde 2009

A chegada de Tino Saqués á presidencia non cambiou o guion de fútbol combinativo ► A saída de Luis César Sampedro podería modificar un estilo existoso no club branquivermello
Luis Milla saluda a Luis César Sampedro en el duelo entre el Lugo y el Zaragoza
photo_camera Luis Milla saluda a Luis César Sampedro en el duelo entre el Lugo y el Zaragoza

Unha pegada que permanece sobre o céspede do Ángel Carro desde hai case unha década. Un cromosoma dominador sobre un ADN marcado desde a chegada ao banco de Quique Setién. O xogo ofensivo e o fútbol posicional foi unha base innegociable desde que o cántabro aterrase na cidade amurallada no verán de 2009. Oito anos e tres adestradores despois o Lugo atópase na disxuntiva de manter un tipo de xogo esixido pola bancada ou virar cara a outra forma de competir en Segunda División.

O pouso deixado polo santanderino na bancada lucense foi poderoso. Non só marcou unha etapa a nivel de resultados, cun campionato do Grupo I de Segunda B, dous play offs e un ascenso á categoría de prata e tres permanencias cómodas, senón que impulsou un xogo que contou co apoio case unánime da afección.

Co cántabro, o cadro branquivermello esixía a posesión da pelota, manobraba co xogo posicional e o toque en curto para construír o xogo a nivel de céspede e avanzar en terreo rival antes que replegarse no seu propio.

O esquema formado por un dobre mediocentro, tres centrocampistas por dentro e unha punta foi un clásico durante case seis tempadas para alcanzar o éxito no campo.

Consciente do legado e o ascendiente dese modelo sobre a bancada, o actual presidente do club branquivermello, Tino Saqués, quixo manter ese tipo de xogo como base sobre a que asentar o seu proxecto a nivel deportivo.

O propio mandatario branquivermello admitiu, durante a súa presentación como presidente en xuño de 2015 que o xogo ofensivo sería o ADN do club sobre o verde.

Saqués mantivo o dito coa contratación de Luis Milla como o preparador inaugural do seu mandato. O técnico turolense indicou na súa presentación que darían "continuidade ao que hai, porque esa liña de xogo é o ideal para traballar. Fixéronse as cousas con moita lóxica co equipo técnico anterior", engadía Luis Milla.

Tratou de cumprir co exposto o aragonés. O seu xogo mantivo a idea de control de balón, posesións longas e combinación en curto, pero careceu de profundidade para ser vistoso e o suficientemente efectivo. Milla acabou saíndo por diferenzas co club e deixando o seu sitio a José Durán, quen optou por un fútbol máis directo pero con igual protagonismo do balón.

O último en chegar foi Luis César Sampedro. O arousán mantivo o guión, sobre todo no inicio da liga, onde a ofensiva era a prioridade. Sampedro tratou de xogar por abaixo co centro do campo como lanzadeira.

VÁZQUEZ GANA ENTEIROS. O obrigado cambio de adestrador tras a renuncia de Luis César a seguir no Lugo coloca ao club na disxuntiva de manter a idea ou cambiar de xogo. Aira podería ser un estilo continuista, pero de ascender o Albacete —dispón dun 0-1 ante a Valencia B— renovaría automaticamente cos manchegos e a súa chegada complicaríase.

Un nome que xurdiu nas últimas horas é o de Fernando Vázquez, que gañaría enteiros na terna de técnicos para dirixir ao Lugo. O preparador de Castrofeito sería un xiro de 180 graos ao estilo branquivermello, xa que o peche de espazos ao rival, a defensa en campo propio como credo e o xogo directo son os seus acenos de identidade.


Comentarios