Próximo duelo: A Peña Piño Quiroga organiza unha viaxe a Oviedo

O Lugo goza da súa nova condición de líder

O club branquivermello conclúe no máis alto da táboa de Segunda ao final dunha xornada por primeira vez na súa historia ► Os de Francisco chegaron a ocupar zona de descenso esta campaña
Varios jugadores del Lugo celebran el triunfo ante el Nástic del pasado sábado
photo_camera Varios jugadores del Lugo celebran el triunfo ante el Nástic del pasado sábado

Sesenta e catro anos de vida para tocar o ceo cos dedos. 260 partidos en Segunda División para alcanzar o liderado en solitario na categoría de prata. O Lugo poderá sacar a foto á clasificación e gozala polo menos unha semana. Sete días de celebrar estar no alto da táboa para defendelo o vindeiro domingo (12.00 horas) no Carlos Tartiere ante o Real Oviedo.

A afección branquivermella viviu este domingo pendente do Osasuna. O empate do cadro navarro en Tenerife deixaba ao Lugo primeiro, cun punto de vantaxe sobre o Spórting e dous sobre os pamploneses. Era o momento que soñaran os seguidores lucenses durante anos, un terreo que agora pertence á realidade. Rozárao o Lugo nos últimos anos. O club foi crecendo aos poucos, paso a paso para asentarse na categoría antes de empezar a asomar a cabeza pola parte alta.

Baixo o mando de Quique Setién alcanzara posicións de ascenso directo en máis dunha ocasión, pero nunca se situou como líder.

Si o fixo con Luis César Sampedro no banco, pero non ao finalizar unha xornada completa, só no medio da fin de semana.

Co arousán no banco o cadro do Ángel Carro durmira líder en dúas ocasións, pero ao concluír todos os partidos o Levante evitou que a realidade hoxe imperante sucedese tamén a finais de setembro e principios de outubro de 2016.

"Desde a tranquilidade, desde facer as cousas ben e saber que este equipo, ao final está nun proxecto interesante e bonito para todos", declarou Francisco Rodríguez

A primeira vez que o cadro lucense deitábase líder foi un martes. Aquel 20 de setembro, o conxunto de Luis César gañaba pola mínima ao Valladolid (1-0) grazas a un tanto de Joselu de penalti na xornada seis. Os tres puntos permitíronlle alcanzar os 12, un máis que o Zaragoza e o Córdoba e dous máis que o Levante. Con todo, ao día seguinte o cadro granota superaba ao Sevilla Atlético (1-0) no Ciutat de Valencia para deixar ao Lugo co mel nos beizos.

Repetiuse a situación dous partidos despois. Na oitava xornada, o sábado 1 de outubro, o triunfo sobre o Mallorca na cidade amurallada –cun dobrete de Joselu e un gol de Pita– por 3-1 fixo que os branquivermellos alcanzasen os 16 puntos, o que os colocaba primeiros igualados cun Levante con peor golaverage. Pero, de novo, os valencianos recolleron a luva para imporse o domingo 2 ao Valladolid por 3-2 e superar ao Lugo.

Esta tempada o Lugo foi colíder as últimas dúas xornadas ata que na actual logrou ascender ata o máis alto.

DO DESCENSO A SER PRIMEIRO. O Lugo viviu esta campaña unha viaxe desde os postos de descenso (xornadas dúas e tres) ata o actual liderado. Nunca antes estivera en posicións de Segunda B desde 1993. Pero o equipo soubo refacerse para estrear o liderado en solitario. "Hai que estar moi contentos e moi satisfeitos. Este equipo nas tres primeiras xornadas levaba un punto e ningún gol a favor. Desde a tranquilidade, desde facer as cousas ben e saber que este equipo, ao final está nun proxecto interesante e bonito para todos", declarou o adestrador do Lugo, Francisco Rodríguez.

"Para min, o principal obxectivo é seguir enganchando á xente para que baixen ao Ángel Carro, que a xente de Lugo veña máis a vernos, goce connosco e senta máis identificada co proxecto. Conseguir isto é importante para a cidade e para todos", valorou o preparador, co que o Lugo tocou o seu teito.

Comentarios