O Grupo Voar, xunto a Sargadelos, recuperará para Ribadeo os foros de debate en novembro

A presentación dos relatores desta edición farase nunhas dúas semanas e a temática xeral dos relatorios virará en torno ao futuro de Europa
Segismundo García
photo_camera Segismundo García

Os foros de debate que o Grupo Voar promoveu entre mediados e finais dos anos 90 terán continuidade. Farano nesta ocasión acompañados de Sargadelos. Trátase dunha compañía practicamente lóxica xa que detrás de ambos os dous complexos empresariais está a mesma persoa e principal impulsor dos mesmos, Segismundo García. No entanto, non estará só na organización desta iniciativa cultural de primeiro nivel non só na Mariña, senón en toda Galicia.

Do mesmo xeito que nas famosísimas edicións da década dos 90, os foros de debate celebraranse no salón do hotel Voar de Ribadeo e, tamén como entón, os conferenciantes falarán ao redor dunha mesma temática que, neste caso, será o futuro de Europa. Isto achega un amplo espectro de posibilidades que se concretará nos relatores.

Estes son un segredo ben gardado que os organizadores non queren dar a coñecer ata o día da presentación oficial, que será nun par de semanas. Tamén como nas súas edicións orixinais, as charlas serán no mes de novembro, en principio de novo as noites dos venres.

Aínda que non hai confirmación oficial de quen serán os asistentes, si está garantido que a Ribadeo volverán personaxes de primeiro nivel dentro do mundo da política, a xudicatura, o xornalismo ou incluso a literatura, aínda que nesta cita sempre tivo certa preeminencia a contorna política dos conferenciantes.

SEN SUPERAR. Os foros de debate do Voar en Ribadeo achegaron, para empezar, o nome. Antes non se convocaban foros de debate senón ciclos de conferencias. Capítulo aparte merece o nivel dos conferenciantes, que acabou disparado e sen chegar a ser igualado en toda Galicia.

En 1995 os relatores foron Víctor Moro, José Luis Barreiro, Ramón Tamames, Rafael del Pino e Guillermo de la Dehesa. En 1996 chegaron Victorino Núñez, Isaac Díaz Pardo, Perfecto Conde, Fernando Ónega, Baltasar Garzón, Gustavo Bueno e Fernando Morán. En 1997 os relatores foron sir Raymond Carr, Juan Pablo Fusi, Xosé Ramón Barreiro, Eduardo Haro Tecglen, Santiago Carrillo e Gonzalo Fernández de la Mora. Para a cuarta edición acudiron Leopoldo Calvo Sotelo, Mario Onaindía, Camilo Nogueira, Fernando Savater e Durán y Lleida.

Na última edición de 1999 houbo catro relatores que foron Sabino Fernández Campo, Miguel Boyer, Clemente Auger e Miguel Ángel Aguilar.

Comentarios