O futuro centro de día de Ribeira de Piquín ofertará 20 prazas a final de ano

O Concello saca a licitación os traballos de intervención no antigo colexio, onde instalará un servizo "moi demandado"

O futuro centro de día de Ribeira de Piquín ofertará un total de 20 prazas a final de ano. Así o avanzou o rexedor, Roberto Fernández, tras a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do anuncio para a adxudicación do contrato de obras de intervención parcial no antigo colexio de Chao do Pousadoiro, onde se situará este servizo "moi demandado polos veciños dende hai xa moitos anos".

"Parece que deamos un paso máis e o centro de día xa está máis cerca", confirmou o alcalde, satisfeito por conseguir desbloquear un proxecto que levaba prometendo durante 15 anos.

A desafectación do Ceip Aníbal Otero, que pechou as súas portas ao finalizar o curso 2012-2013 por falta de alumnado, solicitouse á Xunta de Galicia no ano 2014, aínda co anterior equipo de goberno do Partido Popular, pero esta petición alargouse no tempo.

Ademais, a falta de financiamento obrigou a ter o proxecto bloqueado, ata que o pasado mes de decembro o Concello asinou un convenio bienal coa Deputación Provincial de Lugo, por importe de 275.000 euros, para facer realidade un centro de día "necesario" nun municipio de 580 habitantes, e no que practicamente a metade superan os 64 anos.

PROXECTO. O proxecto de intervención no antigo colexio de Chao do Pousadoiro, cuxo prazo para presentar ofertas estará aberto dentro do prazo de 13 días naturais a contar desde o seguinte ao da publicación do anuncio de licitación no BOP, inclúe melloras de accesibilidade, pavimentos interiores e exteriores, así como traballos nunha parte importante das instalacións, ademais da dotación de mobiliario e de equipos emisores térmicos.

"Considerase unha obra parcial, xa que ou antigo colexio conta con tres andares e só se vai actuar e utilizar un deles para o futuro centro de día", explicou o rexedor municipal.

O sistema de xestión do futuro de día está aínda sen concretar, e irase definindo a medida que vaian avanzando as obras, tal e como informou o Roberto Fernández Rico, quen ten plena confianza en que "vos traballos estarán executados antes de finais de ano".

"Esta é unha moi boa nova para Ribeira de Piquín e para os seus veciños", engadiu o alcalde, ilusionado por poder inaugurar as instalacións dentro de moi poucos meses.

Comentarios