O fiscal superior de Galicia intervirá no caso de Andrea só se é para defender a "legalidade"

Así responde o maxistrado Fernando Suanzes ao Defensor do Paciente, quen lle pediu que se faga respectar a vontade dos pais de dar unha morte digna á súa filla

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, declinou pronunciarse sobre a carta divulgada este xoves polo Defensor do Paciente, na que se pide respecto á vontade dos pais dunha nena enferma que solicitan "retírese o que a mantén viva de forma artificial", e dixo que o Ministerio Fiscal "intervirá, como sempre, en defensa da legalidade".

A menor, de 12 anos, que sofre unha enfermidade dexenerativa, atópase ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, e fontes dese centro médico indicaron o mércores a Efe que a paciente non ten aparello mecánico algún para mantela con vida de xeito artificial.

O fiscal, ao ser preguntado nun acto en Lugo, dixo: "Non vou facer ningunha declaración, no sentido de que nós non temos, de momento, ningunha noticia oficial respecto diso, nin en xulgados nin en Fiscalía".

É o que apuntou Suanzes na cidade lucense, á que viaxou este xoves para participar na toma de posesión do novo fiscal xefe provincial.

"Por conseguinte, o prudente e o razoable é non pronunciarse sobre ese tema. Cando o recibamos, o Ministerio Fiscal intervirá, como sempre, en defensa da legalidade e o interese público dos cidadáns", resolveu.

Os pais de Andrea, Ronsel Ordóñez e Antonio Lago, declaráronse este mércores "indignados" ao informar de que contan para a súa reivindicación dunha "morte digna" cun informe favorable pero non vinculante, e segundo eles non atendido, do comité de ética da xerencia de Santiago, e dixeron que sopesan ir á Xustiza.

A nai contou que a nena ten doce anos pero que a súa aparencia é dunha criatura de catro e que a atopa "rendida".

Comentarios