O escultor de soños

Caxigueiro (Foto: Héctor Manasé)
photo_camera Caxigueiro (Foto: Héctor Manasé)

FACÍA MOITO que non ía a San Cibrao. Na súa praza central (coma unha grande onda de concéntrica espiral, que cicela un etéreo espacio de férrea e estética beleza), contemplei, abraiado, a xigantesca escultura que preside o lugar. Cando me acheguei a ela, a alegría, latexou no meu peito: o escultor era o entrañable amigo Caxigueiro.

O meu aplauso para Daniel é sincero e estrondoso, xa que, pola súa propia valía, converteuse nun dos artistas máis importantes que, mesmo traspasando fronteiras, ofrece o panorama cultural do noso país na parcela plástica.Moitas veces, no seu quefacer, miramos cavidades perforando as súas sólidas pezas escultóricas. Esas cavidades agachan un halo de misterio.

Caxigueiro non se prodiga demasiado na disciplina poética, mais, cando lle peta, ofértanos, a sensíbel e contrastada calidade que emerxe da súa poesía («Algunhas soidades non se sinten por falta de tempo. Namentras, os ladróns de soños, pasean impunemente coma sombras sen sol»).

San Martiño garda dous motivos de visita. Un, a basílica románica, o outro, sen dúbida, vén dado pola posibilidade de poder coñecer o obradoiro, onde, este relevante artista, arrodeado de camelias, exóticas plantas, e na compaña de Lucas, o can da casa, dá renda solta á súa creatividade.

Comentarios