''O erro foi traer os curas; cun curso de media hora ninguén estaba preparado''

Carmen Rellán, prima de Teresa Romero. Foto: XESÚS PONTE
photo_camera Carmen Rellán, prima de Teresa Romero. Foto: XESÚS PONTE

Carmen Rellán nunca tanto falou por teléfono como nos últimos días. O seu móbil non deixa de soar, pero aguanta estoicamente o asedio cun único obxectivo: «Deixar claro que a miña curmá Teresa Romero é a vítima, non a culpable como algúns políticos queren facer ver».

Insiste unha e outra vez en que Teresa Romero «cumpriu o protocolo de actuación en todo momento. Ela di que o fixo e eu créoa», e considera que o erro que provocou esta situación se produciu moito antes do contaxio. «O primeiro erro foi traer os curas para aquí. España non está preparada para atender casos de ébola. Teresa e os seus compañeiros recibiron un curso de media hora, con iso ninguén pode estar preparado».

Desminte, tamén, que a súa curmá se presentase voluntaria para tratar cos enfermos de ébola. «Ela fixo o traballo que lle tocaba, non foi voluntaria a ningún lado. É Teresa Romero, non Santa Teresa de Calcuta».

Nos últimos días, a familia da auxiliar de enfermería viviu unha odisea para saber do seu estado. «Ao primeiro Teresa e o seu home tiñan móbil, pero desde que lles mataron o can xa non, supoño que llelos quitaron pola lea que montaron con ese tema».

Cre que a noticia da morte do can lles fixo moito mal. «Tíñano coma un fillo e están desfeitos coa súa morte. Se había que matalo, pois que o fixeran, pero non era necesario que o soubesen agora».

Mais se algo indigna á familia de Romero son as declaracións do conselleiro de Sanidade de Madrid, Javier Rodríguez, quen culpou á auxiliar de enfermería da súa situación. «Ese home non sabe ben o mal que lle está facendo á miña curmá e a toda a familia. Non sei a que espera para asumir a súa responsabilidade e dimitir. Iría á universidade, pero educación non ten ningunha».

A familia de Teresa Romero está, en xeral, descontenta coa atención das autoridades. «Onte chamounos o presidente da Xunta, pero ata entón só nos ofreceran axuda desde o Concello de Becerreá. Sabemos o que pasa polos medios de comunicación e iso non é trato para unha nai que está na casa á espera de noticias da súa filla», comenta Carmen Rellán.

Alberto Núñez Feijóo contactou co presidente da Comunidade de Madrid e este, á súa vez, co xerente do hospital Carlos III, que accedeu a informar á familia.

A última hora de onte, a nai de Teresa recibiu noticias do hospital que dicían que a súa filla superara unha crise respiratoria e que estaba «algo mellor» dentro da extrema gravidade. «A esperanza é o último que se perde», di a súa prima, «pero non somos moi optimistas». Aínda así, Carmen Rellán lembra que Teresa Romero é unha muller forte e que mesmo na súa última visita a Becerreá aproveitou para facer unha parte do Camiño de Santiago.

Comentarios