O embutido chega a Facebook

Manuel Ángel Díaz, máis coñecido como Reina, é un veciño do Saviñao que, tras quedar en paro con 58 anos, montou unha empresa de embutidos caseiros. A firma arrasa nas feiras e en Facebook e xa envía os seus produtos a toda España
Manuel Ángel Díaz Vázquez, en su puesto de la feria de Monforte
photo_camera Manuel Ángel Díaz Vázquez, en su puesto de la feria de Monforte

Aos seus 58 anos, Manuel Ángel Díaz Vázquez encaixa á perfección no concepto de ‘buscavidas’. Desde a súa mocidade traballou en múltiples sectores e percorreu numerosos países. Hai un tempo regresou á súa terra natal, O Saviñao, para enfocar a súa última etapa laboral antes de xubilarse. Con todo, cando xa estaba todo encarrilado, quedou en paro. Coa súa idade non era fácil que volvesen contratarlle, así que decidiu establecerse pola súa conta e "tirar para diante", di o mesmo. A primeiros deste ano, Manuel Ángel Díaz montou Embutidos Reina, unha firma que elabora todo tipo de embutidos de xeito artesanal, con porcos criados en casa a base de cereais e hortalizas.

Pero, ademais de ser emprendedor aos 58 anos, Manuel Ángel Díaz asumiu un segundo reto, o de vender a través da rede. Embutidos Reina xa ten unha páxina en Facebook desde a que asume encargos de toda España e está a traballar nunha páxina web cun catálogo de produtos máis detallado.

Os chourizos, salchichóns, chorizóns, androllas, lacóns e xamóns Reina chegan a toda a Península en 48 horas a través dun servizo de paquetería. A firma incluso recibiu pedidos desde o estranxeiro, segundo detalla Dores Maio, que se encarga de controlar as redes sociais mentres Manuel Ángel Díaz está nas feiras coa venda tradicional.

Di Maio que o groso das vendas faise na sede da tenda, en Escairón, e nos mercados da zona, pero Facebook tamén ten unha boa clientela. "É un recurso fácil especialmente para os compradores habituais que xa nos coñecen e non poden visitarnos", di Maio. "Xa enviamos caixas a Bilbao, Madrid ou Barcelona", engade. Co estranxeiro aínda están en trámites. "Hai moito pedido dos emigrantes que están en Latinoamérica ou en Suíza, pero para exportar necesitamos unha serie de permisos e todo vai máis lento", defende.

Manuel Ángel Díaz está entusiasmado coa parte online do seu negocio. "Sempre tira máis a venda presencial porque podes probar, pero hai que ir entrando en todos vos sitios. Internet é ou futuro", argumenta.

Comentarios